A Consellería de Política Social vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para aqueles concellos galegos que conten cunha escola infantil (0-3 anos) ou un punto de atención á infancia (PAI) e precisen adecuar ou mellorar estes centros con novos equipamentos, servizos e/ou material educativo. Esta semana o Diario Oficial de Galicia publicaba a orde que regula a concesión destas axudas, que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN) que está a desenvolver o Goberno galego. Así o anunciou a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na visita que realizou ao punto de atención á infancia do concello de San Cristovo de Cea, un dos que resultou beneficiado na convocatoria do pasado ano.
A delegada lembrou que na pasada convocatoria foron 7 centros da provincia ourensá os que resultaron beneficiarios destas axudas cunha achega global de case 135.000 euros. Así, ao abeiro desta orde de axudas, en 2017, recibiron subvención os PAIS de Avión, Carballeda de Valdeorras, Ramirás, Vilariño de Conso e San Cristovo de Cea, e as escolas infantís de Barbadás e O Barco de Valdeorras.
San Cristovo de Cea foi o único concello da provincia de Ourense que recibiu axudas na convocatoria do ano 2016 por importe de 24.800 euros, mentres que en 2017 o PAI deste concello foi beneficiario dunha axuda de máis de 26.200 euros, que se destinou á instalación dun pavimento continuo na zona de xogos e dunha pérgola no exterior; colocación de céspede, adquisición de mobiliario e módulos de xogo infantil exteriores; e á compra de dispositivos para a integración de novas tecnoloxías na aula.
Nova convocatoria
Xa está en marcha unha nova convocatoria, que ao abeiro desta orde e baixo o réxime de concorrencia competitiva serán subvencionables tanto as obras menores de adecuación e mellora das devanditas infraestruturas como intervencións novas de mellora da accesibilidade ou que as doten de servizos necesarios. Tamén entran dentro desta convocatoria a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior, así como de material didáctico e de xogo; e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos (ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo etc.) para a integración das novas tecnoloxías na aula. As axudas poderán financiar ata un 100% do investimento subvencionable.
Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude. Así mesmo, a contía máxima por cada centro é de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e máis á integración das novas tecnoloxías na aula.
Ademais de mellorar os centros da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos que xa veñen funcionando, o que repercutirá na mellora da calidade da atención recibida, con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de escolas e puntos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia.
O orzamento total da orde é de 712.000 euros e os interesados poden presentar as solicitudes ata o vindeiro 10 de agosto.