Renovación de 3.000 puntos de luz a tecnoloxía LED, instalación dunha iluminación singular nas Termas da Chavasqueira e mellora da visibilidade e conseguinte seguridade viaria de 15 pasos para peóns serán as primeiras actuacións incluidas no proxecto do Ecobarrio da Ponte.
O alcalde e Ourense, Jesús Vázquez, o director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e representantes de EnergyLAB, visitaron a contorna da Chavasqueira para anunciar estas primeiras intervencións coas que arrancará o ambicioso proxecto. Será cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros, que inclúe basicamente 3 elementos:
– Cambio tecnológico: renovación de máis de 3.000 puntos de luz a tecnoloxía LED do barrio
– Actuación singular de iluminación arquitectónica na contorna das Termas da Chavasqueira, onde en determinados ambitos haberá un sistema hibridal, dotando de paneis solares a luminarias que se alimentan da rede electrica, cun sistema de acumulación que permitirá que o 30% da enerxía que utilicen sexa solar.
– Mellora da visibilidade de 15 pasos de peóns do barrio, os máis conflitivos, para reforzar a seguridade viaria.
O proxecto deparará en consecuencia melloras enerxéticas, económicas e ambientais, xa que orixinará un aforro de 1.200 megawatios/hora anualmente, reducirá os custes eléctricos en 216.000 euros e evitará a emisión á atmósfera de 240 toneladas de CO2 ao ano.
Modelo de cambio de cidade
O alcalde subliñou que o proxecto do ecobarrio suporá “un modelo de cambio de cidade, que foi o noso compromiso coa cidadanía, empezando por un barrio que se vai posicionar como o primeiro ecobarrio de Europa que conte cunha rede de distribución eb base a xeotermia”.
A execución do proxecto do Ecobarrio dará lugar a investimentos por importe de 20 millóns de euros, ademais de orixinar aforros económicos para as arcas municipais, e contribuirá ao obxectivo de “ter unha cidade máis sostible en todos os ámbitos”. A este respecto, dixo “a idea é que cos anos este modelo se poda trasladar a outros barrios e ser o modelo que desexamos para a nosa cidade”.
Convenio para o Ecobarrio
O proxecto do Ecobarrio deu un paso adiante sustancial, coa aprobación en Consello da Xunta do convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria –a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega)– e EnergyLab para que este centro tecnolóxico elabore a documentación técnica precisa para levar a cabo as licitacións do proxecto, entre elas a intervención presentada , que se licitará e terá un prazo de execución de 18 meses desde a contratación das obras.
O ecobarrio da Ponte prevé tamén a intervención en 31 edificios públicos e outros 18 privados do barrio, así como a renovación da frota de vehículos do Concello co obxectivo de substituir o 66% do parque municipal de automóbiles, entre outras.