A Deputación de Ourense, ABANCA e Afundación fan realidade a creación do centro tecnolóxico “Provincia Intelixente”, cumprindo así un dos obxectivos recollidos no proxecto “Provincia Intelixente” do Plan de mandato “Ourense 15-19” de Manuel Baltar, coa finalidade de situar á provincia de Ourense como referente no ámbito da innovación.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou co presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, e co presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet -nun acto no que tamén participou o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas- os convenios para impulsar este centro de innovación, situado no recinto de Finca Sevilla, en Ourense, cunha superficie de máis de 8.000 metros cadrados, que permitirá crear novas oportunidades no ámbito tecnolóxico, económico e social na provincia de Ourense. Neste sentido, a empresa VIEWNEXT, do grupo IBM, será a primeira compañía en incorporarse ao centro “Provincia Intelixente” con máis de 200 traballadores, acordo que hoxe tamén foi asinado entre Manuel Baltar e o director xeral del VIEWNEXT, José María Pascual.
A Deputación de Ourense realizará unha achega de 200.000 euros no 2018 e outra do mesmo importe no vindeiro ano, para sufragar a posta en marcha e mantemento do centro de innovación, e comprométese con ABANCA e Afundación a realizar proxectos conxuntos no ámbito das novas tecnoloxías, a través do IESIDE, na formación superior para a innovación e desenvolvemento dixital. Pola súa banda, Afundación será a encargada de renovar e adecuar o inmoble ás finalidades desta iniciativa, no referido á instalación no centro de empresas do ámbito da innovación.
Emprego tecnolóxico
Manuel Baltar dixo no acto que esta iniciativa “é a concreción do noso proxecto “Provincia Intelixente”, unha das actuacións máis importantes do Plan “Ourense 15-19”, que basea a súa importancia na innovación, e neste caso, en dispoñer dunhas instalacións que poidan albergar emprego tecnolóxico”. O presidente do goberno provincial lembrou que tamén hoxe “asinamos un convenio de colaboración con VIEWNEXT, do grupo IBM, por medio do cal 200 empregos tecnolóxicos ubicaranse neste centro de innovación, no que se desenvolverán aplicacións e iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e os servizos municipais, nesa estratexia na que pretendemos que pivote desde a Deputación a atención aos 92 concellos da provincia de Ourense”.
Segundo Baltar, “isto supón fusionar servizos municipais sendo a Deputación de Ourense a que os realiza, como vimos facendo en ámbitos como o da recollida de lixo ou a xestión de tributos, e agora cunha perspectiva tecnolóxica que fará, con este centro, que Ourense sexa un referente nacional e internacional”. O presidente provincial cualificou de “moi relevante” que este centro de innovación “concentre unha estratexia de servizos de axuda aos concellos e pensando sempre nos cidadáns, nun territorio que merecía a implantación dunha infraestrutura destas características. Hoxe cristalizamos un acordo que vai facer posible que ese edificio intelixente que no seu momento puxo en marcha Caixa Ourense volva estar a disposición dos ourensáns e das empresas tecnolóxicas”.
No marco deste convenio, a Deputación de Ourense comprométese a colaborar con ABANCA no impulso de proxectos de base tecnolóxica para a súa incorporación ao “Programa de aceleración ABANCA Innova” e a difundir a colaboración desta entidade coa provincia de Ourense, como polo de atracción de I+D+i, denominando a esta infraestrutura: Centro de Innovación “ABANCA Innova Ourense. Provincia Intelixente”.
Pola súa banda, ABANCA comprométese ao desenvolvemento do centro de innovación e tamén a estender a este centro a actuación do “Programa de aceleración ABANCA Innova”, mediante o apoio e a achega da experiencia e coñecemento dos directivos da entidade, así como dos mentores asignados a este proxecto. Juan Carlos Escotet sinalou que ABANCA “naceu coa visión de innovar. Desde o primeiro día esa foi unha preocupación e un facer constante da nosa actividade. Pero non nos conformamos con iso. Propuxémonos ser axentes da innovación: propulsores, animadores e promotores dos beneficios e da esixencia de innovar”.
ABANCA promoverá o deseño de plans, programas e proxectos para impulsar a innovación na provincia de Ourense, relacionados coa investigación e desenvolvemento tecnolóxico, fomentando a determinación de liñas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que sexan prioritarias nos distintos sectores económicos da provincia. Neste sentido, Escotet subliñou: “Poñemos a disposición da provincia de Ourense os probados beneficios dun modelo de xestión, ABANCA Innova, ao que lle introducimos importantes cambios para adaptalo ás necesidades de desenvolvemento da provincia”, dixo o presidente de ABANCA.
Este proxecto é froito dunha alianza estratéxica que converte a Ourense nunha punta de lanza en materia de innovación.