Na convocatoria deste ano, que a Xunta resolveu recentemente, esta liña de axudas beneficiou a 22 asociacións da provincia de Ourense cunha achega global de 230.000 euros. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, puxo en valor estas subvencións e enmarcounas na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e por todo aquilo que contribúa ao benestar dos cidadáns.
Díaz Mouteira, visitou a Asociación de veciños de San Cibrao de Pitón, no concello da Peroxa, onde reiterou o compromiso e apoio do Goberno galego coas entidades veciñais para que poidan acometer proxectos que benefician aos seus usuarios. Este colectivo é un dos 22 beneficiarios desta liña de subvención da Vicepresidencia na provincia ourensá.
Durante a visita, na que estivo acompañada do alcalde do municipio, Manuel Seoane e de responsables da asociación, a delegada territorial coñeceu a actuación que se vai executar grazas á achega de 17.000 euros. Concretamente, desenvolveranse obras de acondicionamento do campo da feira de San Cibrao co fin de atender as necesidades dos veciños dun modo máis efectivo e, tamén, executaranse traballos no interior do local veciñal que consistirán na colocación dun solado cerámico no solo e pintado das paredes. Esta asociación xa recibira en 2017, con cargo a esta mesma orde, unha axuda por importe de 13.400 euros para obras de equipamentos na parroquia.
A máxima representante da Xunta en Ourense subliñou que ao abeiro desta orde, as entidades beneficiarias poden realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso; así como en camiños e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese dos habitantes da contorna, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.