O Concello de Baltar recupera os xogos tradicionais na celebración da X edición da súa Festa Popular que terá lugar o vindeiro sábado, 4 de agosto, cunha programación que inclúe, ademais de xogos, música, gastronomía, deporte, entre outras actividades. A presentación desta cita lúdica tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Baltar, José Antonio Feijóo e Gemma Rodríguez; e os organizadores, Verónica López e Alejandro Rodríguez.
O alcalde explicou que esta celebración “baséase en fomentar a relación cos nosos irmáns portugueses; en potenciar as tradicións e en animar á xente a prol dunha vida saudable”, destacando que ao longo do día “haberá convites de bebidas sen alcohol, e degustación de produtos gastronómicos da nosa terra”.
Gemma Rodríguez dixo que con este tipo de iniciativas pretendemos “continuar a dinamizar o rural”, e destacou a crecente afluencia de público á festa, afirmando que “o éxito de participación desta actividade anímanos a continuar con esta celebración, que tamén pretende fomentar o respecto polo medio ambiente”.
Programación
A programación da xornada comezará ás 16 horas coa celebración de xogos tradicionais: tute e brisca, damas e xadrez, chave e billarda, rá e futbolín, ping-pong e xogo da porca, vintos e carreira de sacos, e tiro á corda. Así mesmo, ás 17.15 horas haberá animación especial con inchables e toro mecánico para os máis pequenos, e a partir das 20.15 horas terá lugar unha exhibición de parapente e paramotor. Posteriormente, proxectarase un vídeo en defensa da natureza e ás 21.30 horas tomará o protagonismo da xornada a gastronomía cunha merenda-cea con degustación de produtos da terra, amenizada polo grupo Xeitosiñas de Baltar, as Concertinas de Montalegre (Portugal), a Banda de Gaitas A Raia de Baltar, e polo Grupo de Acordeonistas Bieito de Ourense. Finalmente, ás 22.30 horas terá lugar a sesión de noite co Trío Vaivén, e á medianoite realizarase unha proba voluntaria de alcoholemia na que se premiarán con camisetas co lema “Engánchate á vida sá” para todos aqueles que consigan un rexistro 0,0 na proba.