O municipio de Cortegada prepárase para acoller a novena edición da “Feira de Artesanía e Porco Celta” cun completo programa de actividades gastronómicas e culturais que terán lugar o día 19 de agosto. A presentación desta celebración tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Cortegada, Avelino Luís de Francisco e Begoña Estévez, respectivamente.
O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que este evento ofrece “un amplo programa de actividades que mestura música, pasarrúas, espectáculos de lume, actividades para os cativos e gastronomía” e lembrou que este tipo de celebracións culturais e gastronómicas contribúen “a dinamizar e dar a coñecer o rural da nosa provincia, converténdose nunha oportunidade idónea para mostrar ao público as potencialidades turísticas deste municipio como é, por exemplo, o termalismo”.
Pola súa parte, Avelino Luís de Francisco sinalou que Cortegada é un municipio que durante “a época estival triplica o número de habitantes, polo que queremos ofrecer diversas actividades durante o verán para que todos poidan gozar das mesmas”. Asemade, o alcalde de Cortegada lembrou que outra das actividades previstas no municipio os días 18 e 19 de agosto é “o Campionato Galego de moto acuática no que se darán cita máis de 100 nenos”.
O programa da Feira, tal e como detallou Begoña Estévez, comezará o sábado, 18 de agosto, ás 22.30 horas cun espectáculo de lume. Ao día seguinte, a apertura da Feira será ás 11.00 horas e participarán nela 30 artesáns. Durante toda a xornada haberá diferentes actividades cada media hora como pasarrúas musical, baile medieval a cargo dos nenos de Cortegada, campamento infantil, e ás 17.30 horas, celebrarase a Festa da Auga para os máis cativos, pechando a xornada un espectáculo de lume, ás 22 horas. A degustación gastronómica, a base de porco celta, paella e viño do Ribeiro, será a partir das 14 horas.