A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse ata o centro sociocomunitario de Maceda co obxectivo de coñecer de primeira man as instalacións e actividades que alí se desenvolven. Durante os meses de verán este centro acolleu varios cursos dirixidos non só aos maiores da comarca senón tamén á poboación infantil, contribuíndo ao intercambio interxeracional.
Durante a visita, Díaz Mouteira, que estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, destacou que a administración autonómica considera prioritaria a integración das persoas maiores e que por esta razón a Xunta de Galicia aposta por centros coma o que visitou, espazos nos que as persoas maiores poden convivir e socializar entre eles, ao mesmo tempo que se manteñen activos a través das diferentes actividades que levan a cabo nas instalacións. E, ao fío, a delegada territorial lembrou que o pasado mes de xuño, a Consellería de Política Social habilitaba un crédito adicional de 75.000 euros para reforzar a oferta formativa e de ocio dos 11 centros sociocomunitarios emprazados na provincia ourensá. Unha achega que para o caso concreto do centro de Maceda permitiu que durante os meses de verán se levaran a cabo cursos de novas tecnoloxías, de manualidades, de relaxación e benestar, e mesmo de tramitación administrativa co emprego do certificado dixital.
Na actualidade e ata setembro, se está a desenvolver a actividade que leva por nome “A diversión non ten idade” co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos usuarios participantes favorecendo un envellecemento activo e inclusivo na sociedade, a través de actividade física, exercicios de psicomotricidade, xogos tradicionais e saídas ao aire libre.
Os centros sociocomunitarios son centros de carácter polivalente, abertos a toda a pobación, dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a interrelación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás acción relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal.
A provincia de Ourense conta con 11 centros sociocomunitarios: Ourense centro, Pontepelamios (Ourense), Ribadavia, Maceda, Xinzo da Limia, Viana do Bolo, O Barco de Valdeorras, Petín, Celanova, Carballiño e Verín.