A XII edición do Festival Arteficial ofrecerá aos asistentes máis de doce horas de música en directo en catro espazos do conxunto histórico de Ribadavia, o vindeiro sábado, 1 de setembro.
En canto á programación musical prevista para este ano, Quique Rodríguez (membro de Arteficial) dixo que traen “a dez bandas e artistas de tódolos estilos musicais, bandas emerxentes que merece a pena escoitar e descubrir. As bandas vanse distribuír en catro escenarios e os concertos serán desde as 13.00 ata ás 21.00 horas no barrio da Madalena, e desde as 22.30 ata as 2.30 horas no barrio da Oliveira”.
O cartel musical desta edición está formado polas bandas Guau, Oh! Ayatollah, Sara Fontán, Esteban&Manuel, Isaac Pedrouzo, Big Ok e Pantis. Así mesmo, o Festival Arteficial achega de novo unha selección de bandas internacionais da escena alternativa como Whales, procedente de Portugal; LaBaq, referentes da música alternativa brasileña; e o angoleño Chalo Correia cunha adaptación dos ritmos tradicionais de Angola. Neste festival “temos un cartel á altura de eventos que se fan a nivel profesional”, sinalou Uxía Estévez.
A entrada ao festival é gratuíta, aínda que, por terceiro ano consecutivo, a organización establece unha entrada solidaria e voluntaria que consiste na doazón de alimentos non perecedoiros en colaboración coa Cruz Vermella.
Actividades paralelas
Arteficial, ademais de música, ofrecerá aos asistentes diversas actividades paralelas como o Mercado das Sementes que se trata dun espazo de intercambio e difusión para empresas culturais e creativas, e para os máis cativos haberá “obradoiros ás 12.30 e ás 17.00 horas, para que os nenos poidan aprender e divertirse mentres que os pais gozan dos concertos”, dixo Alba Doval, quen adiantou que nesta edición volverán a colaborar co Festival Kerouac de poesía e performance cun evento chamado “Poesía Vertical” que terá lugar ás 16 horas na praza da Madalena.