Será o 29 de setembro.

Barbadás prepárase para a I Romaría feminista

Xa estamos a menos dun mes para que o Concello de Barbadás celebre a I Romaría Feminista co seu lema “Logo do 8M, camiñamos”. Será o sábado, 29 de setembro, e converterá a Barbadás na capital da igualdade.
Esta primeira edición pretende reflexionar, dende diferentes ámbitos e puntos de vista, sobre o “futuro a abordar para ir conquistando maiores niveis de igualdade”, segundo dixo na presentación, Ánxela González Cid, concelleira de Cultura, Mocidade e Igualdade de Barbadás.

A concelleira nacionalista de Barbadás xustificou a posta en marcha da iniciativa “a partir das experiencias vividas ó longo deste último ano, no que se produciron no mundo importantes mobilizacións feministas, que marcan un camiño a percorrer na procura da igualdade real”.

Con esa base, engadiu, nesta xornada “contaremos con representantes dos movementos feministas, profesionais da comunicación, da xustiza, expertas en violencia e concelleiras de diferentes organizacións políticas”.
A xornada tamén contará con música, poesía, teatro, gastronomía, entre outras actividades.

Programa
O programa de actividades dará comezo ás 11 da mañá e durará todo o día, culminando pola noite cos concertos musicais, que pecharán a xornada, e que estarán a cargo de Sés, Xestreu, De Vacas, e The Tetas Van.
As mesas de debate que terán lugar ao longo do día versarán sobre diferentes temáticas: o futuro do movemento feminista, o papel das mulleres comunicadoras e nos medios de comunicación como impulsoras do cambio de paradigma machista, como mellorar a abordaxe das violencias que sofren as mulleres e finalmente unha posta en común das políticas de igualdade levadas a cabo en concellos gobernados por diferentes organizacións políticas.