Rubén Gil, xerente de Tamarindo, lembra os seus comezos e o que significa ter un establecemento na praza Maior, epicentro do turismo ourensán.
En decembro de 2014 naceu ao abeiro da Praza Maior o “Patio Bar Tamarindo”, un novo concepto de hostalaría da man de Rubén Gil.
O “Universo Tamarindo”, como el nos vai descubrir, conta con varios espazos. O primeiro é o patio bar que comprende os soportais fronte á casa do Concello. De segundo vén a casa cociña, un restaurante con cociña de mercado comandada por un chef que estivo na coñecida “Culler de Pau” e na “Tafona” con Lucía Freitas, ademais de en varios restaurantes con estrela Michelin en Londres.
Cando nace o proxecto hostaleiro de Tamarindo?
Rubén Gil (R.G.): “Este proxecto surxiu por unha serie de factores debido á crise, o tema de estudo de arquitectura estaba un pouco fastidiado, e son da opinión de que na vida tes que reciclarte ou morrer, eso din. Xa no ano 2005 mirei para montar unha xeadería porque noutros lugares estaba triunfando, en América os xeados de iogur, contactei con xente de Barcelona, viñen a Ourense con xente de franquicias de xeados, xa había mirado algún local… esa foi a idea orixinal. Quería adiantarme ao que finalmente pasou na cidade, que se encheu de xeaderías.
Pero analicei máis polo miúdo a idea e non o vin, a rentabilidade non me parecía tan boa.
Pero de súpeto namoreime destes locais, destes baixos. Son un namorado do casco vello. O proxecto Tamarindo tiña que ser aquí si ou si. Fixen cálculos para montar aquí a xeadería pero non me daban os números. Pero a idea creceu e mudou grazas a ubicación, a arquitectura do baixo e a cabeza comezou a dar voltas, a debuxar, a xerar espazos, a conexionalos entre si, e abandonei a idea de xeadería e estudiei outros negocios de hostalaría e, como estiven vivindo en Madrid, descubrin os locais que dan servizo todo a día e comencei a estudialos tamén en Barcelona, en México e gustabame o que ía descubrindo. Buscaba un local no que como cliente me gustara entrar e estar cómodo.
Ata que por fin cheguei ao concepto de Universo Tamarindo, un local de almorzo, copas, ceas, dj´s, un local que vale para un roto ou un descosido, como a vida mesma, polivalente, se te enfrascas ao final morres. Eu empecei este proxecto sendo arquitecto e acabei sendo hostaleiro. É un proceso persoal moi duro. Na vida hai que arriscar, eu fixen os meus cálculos con moitas variables e o risgo disminúe. Necesitas un prazo”.
Tiveches en conta a situación do local ao emprender o proxecto Tamarindo?
R.G.: “Cando me namorei desta ubicación a miña experiencia noutras cidades coma Madrid, na que reformaron todo o casco vello a partires do ano 2000-2002, dicíame que pasaron de zonas degradadas a zonas de máximo áuxe, e ver esa transformación animoume a continuar. Eu penso que os casco vellos deben tender a iso, a mellorar, a rexenarse, porque ao final o turismo, onde vai? a zona vella, ao patrimonio, prazas, catedrais… O meu proxecto está pensado cara a cidade e tamén cara os turistas, por suposto. Ofrecerlle outro tipo de hostalaría”.
Ten impacto o turismo no teu local?
R.G.: “Si que o noto, sobre todo no verán, no mes de xullo algo menos pero en agosto si que aumenta o número de turistas, é o punto álxido. Notamos turismo nacional e algo internacional. O mellor mes de turismo foi o mes de agosto de 2015. Non sei porque. Estes dóus últimos agostos tamén foron bos”.
Necesitas un reforzo de persoal nos meses de verán?
R.G.: “Teño que meter unha persoa a maiores. Pero pola forma na que teño estructurado os turnos e o persoal só necesito unha persoa máis. Reforzo as horas e días nas que hai máis turistas, máis afluencia”.
Tes máis proxectos en mente tralo éxito do Tamarindo?
R.G.: “Teño xa fai tempo un proxecto dunha escola infantil para 72 nenos preto do río, agardando a xente interesada e está aparcado de momento. O último proxecto que emprendín foi a compra, outra vez na Praza Maior e tamén dando a Praza da Magdalena, duns edificios para facer apartamentos turísticos pero con algún valor engadido. Vai a vir moito turismo que chegará a cidade en tren e o que quere é unha boa ubicación, estar céntricos, preto da zona de ocio. Volvín a apostar pola ubicación da Praza Maior grazas á unha serie de circunstancias que fixeron que se rematara. Agora estou agardando unha modificación nas fichas urbanísticas. Complementaría este proxecto Tamarindo e seguiría a mesma liña ofertando algo distinto, deseño, ubicación, novos servizos… xa teño todos os pequenos detalles pensados e estudiados. Hai público para todo hoxe en día. Coa chegada do AVE virá a Ourense moita xente de Madrid que busca escapar da gran cidade uns días”.
Cal é a túa opinión sobre a chegada do AVE a Ourense?
R.G.: “Penso que vai ser un punto de inflexión no turismo desta cidade. Pero xa tíñamos que estar preparados dende fai un par de anos. Non podemos esperar a que chegue. Se lle damos unha boa oferta a xente de Madrid, por exemplo, vai lanzarse a vir. Temos un tema termal maravilloso. Estiven fai pouco en Budapest e a calidade daquelas augas non se poden comparar coas nosas. Dáme estas e non as de Budapest!. Falta facer un proxecto común de cidade. Xuntarse e dicir, que cidade queremos de aquí a 20 anos?. E iso que sexa como a Biblia. Un obxectivo claro porque é bo para a cidade, para a xente que a habita, para o empresario, para o traballador… para todo o mundo. Non é falar das cousas, é construilas”.