Censáronse 2.115 propiedades.

Barbadás conta cunha base de datos para controlar a limpeza de parcelas

O Concello de Barbadás conta cunha base de datos na que se recolle o censo de parcelas periurbanas que os seus propietarios teñen a obrigatoriedade de manter limpas de maleza. Esta pioneira experiencia permitirá á entidade municipal o acceso informático para comprobar o estado de fincas incluidas nesa área, segundo explicou o tenente de alcalde de Barbadás, Xosé Manuel Fírvida.
Segundo o tenente de alcalde, a iniciativa xestouse para “dar cumprimento as exigencias legais vixentes de loita contra o lume”, que se endureceron nesta campaña despois da vaga de incendios forestais do ano pasado (sobre todo as do 15 de outubro, que asolaron miles de hectáreas nas provincias de Pontevedra e Ourense). Fírvida indicou que o traballo de campo permitiu identificar 2.115 parcelas nas áreas delimitadas pola lei, “das cuales cumprían a normativa de limpeza 824 (39%), e estaba en situación irregular 1.291 (61%); aínda que a metade destas xa se limparon por parte dos propietarios de xeito voluntario, grazas ás reunións mantidas cos veciños para explicarlles as novas obrigas.

Procedemento
En canto á metodoloxía de traballo, delimitáronse faixas perimetrais para establecer os distintos niveis de risco. Foise tomando datos de cada parcela con GPS, sinalando as que cumplían a normativa e as que non. A información obtida foi cruzada cos datos catastrais, para crear unha base de datos que logo se volcou nun programa con xeoreferencias, o cal permite consultar o estado de cada parcela en calquera momento. Neste senso, existe unha aplicación na de xeito que os propietarios que desbrocen a sua parcela poden facer unha fotografía do novo estado e introducila na web municipal para coñecer o estado actual da mesma.

Convenio
O tenente de alcalde afirmou que, a pesares das dificultades para identificar a propietarios “o Concello de Barbadás está listo para cumplir o proxecto de control de biomasa”, polo que “solicitou á consellería do Medio Rural a sua inclusión no convenio para levar a cabo as limpezas subsidiarias”.