A 5ª andaina “Viño de Monterrei” ofrecerá aos asistentes unha ruta de sendeirismo de 19 quilómetros para coñecer o municipio e os seus viños facendo deporte, mentes que para os menores de 7 anos acompañados por un adulto, haberá actividades infantís en formato xincana para gozar desta xornada deportiva en familia.
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo “que pon en valor a riqueza patrimonial, natural e cultural do municipio” dixo Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, e que ademais “permite aos participantes coñecer un dos produtos estrelas do municipio e da comarca: o viño de Monterrei, a través dunha actividade saudable deseñada para gozar en familia”.
Pola súa parte, o alcalde de Monterrei dixo que esta iniciativa deportiva responde a tres obxectivos: “promover a práctica deportiva cunha actividades de baixa intensidade para unha maior participación, dar a coñecer o noso abundante patrimonio material e inmaterial e, sobre todo, a paisaxe dos nosos viñedos nesta época do ano e a propia actividade das adegas que están en plena vendima, e poñer en valor o viño como motor económico do noso municipio”
A proba, de dificultade media, terá lugar o vindeiro sábado, 6 de outubro, ás 10 horas desde a Alameda do Concello de Monterrei e rematará no mesmo punto. Os interesados en participar poderán anotarse, por un custe de 5 euros, no Concello de Monterrei, na tenda Multisport de Verín ou na tenda Deportes Redonet de Ourense, ou o mesmo día da proba. Ao longo do percorrido os participantes terán dous avituallamentos e, ao remate da proba, haberá un punto de degustación e sortearanse varios lotes de viño xunto con outros regalos.