O loitador Ngagne Faye e o adestrador Aarón Blanco, do Club Artai, xa teñen todo preparado para partir cara a Baoding (China) e participar no International Shuai Jiao Championship (Mundial de shuaijiao -loita china-). O evento terá lugar do 10 ao 14 do mes de outubro.
O shuaijiao é unha modalidade das artes marciais chinesas (kungfu/wushu) e consiste en combatir cun rival baseándose en agarres e derribas.
Falamos unhas horas antes de que poñan rumbo cara ao continente asiático para coñecer como foi a súa preparación e cales son os obxectivos.
Como recibistes a noticia da convocatoria para o Mundial de shuaijiao?
Aarón Blanco: “Pois 15 días despois do Campionato de España (9 de xuño) chámame Roberto Seijo, director da asociación nacional de Shuaijiao, e dime que o meu competidor Ngagne Faye é convocado para participar no mundial que se celebrará en China do 9 ao 14 de outubro. E comentoume que o staff técnico nacional recomendoume como adestrador para a expedición a China”.
A responsabilidade é grande.
A.B.: “Para nós é unha honra e, evidentemente, unha responsabilidade chegar a China a competir nun dos seus deportes nacionais. Queremos dar unha boa impresión e estar dentro das seleccións punteiras, aínda que como en España o Shuaijiao non é unha modalidade recoñecida por ningunha federación nacional somos unha disciplina sen moitos recursos económicos nin excesiva promoción gubernamental”.
Como foi a preparación?
A.B.: “A preparación é moi dura. Ngagne leva catro meses súper intensos con preparación física e técnicas específicas. Temos que chegar no peso exacto na data exacta, ademais de contar cunha viaxe en avión de máis de dez horas, o problema da alimentación en China, etc.”.
Ngagne Faye: “É complicado preparar torneos deste nivel tendo que compaxinar co traballo, pero é o noso deporte e amámolo. O que máis me custa nestes momentos é chegar ao peso de forma óptima”.
Cal é o labor de Aarón?
A.B.: “Eu vou de ades-trador, encargareime de xestionar todos os aspectos da competición para os mozos. Quero que eles soamente estean centrados nos seus combates e quecementos. Organizarei as súas saídas a tapiz e estarei pendente deles para que os seus quecementos sexan óptimos. Ademais, loxicamente, de dirixilos durante os combates”.
Faye en que categoría participa?
A.B.: “Ngagne compite na categoría de menos de 70 kg. Quizais a categoría máis concorrida e con mellor nivel do torneo. Esperamos que na súa categoría haxa polo menos 2 competidores chineses e 3-4 asiáticos de primeiro nivel”.
Cal é o obxectivo de Faye neste torneo?
N.F.: “Quero probarme como competidor nestas probas de primeiro nivel mundial. Non me poño límites en canto a postos”.
A.B.: “Sería un éxito entrar nos cinco primeiros postos, pero sempre hai que ter un pouquiño de sorte nos sorteos de cruces”.
Cales son os rivais a bater?
A.B.: “Sobre todo asiáticos, pero os chineses son os principais expoñentes. Pero tamén hai competidores moi bos en EEUU, Italia, Rusia. Pero son soamente deportistas destacados, os asiáticos son equipos difíciles”.
Ser campión de España ten o seu froito nesta participación mundialista. O sacrificio tivo a súa recompensa?
N.F.: “Si, por fin. Levo tres campionatos de España seguidos nesta modalidade. Asi que si, o sacrificio tivo recompensa. A ver se, cun pouco de sorte, conseguimos que o sacrificio da preparación nos traia un bo posto (ri)”.