Allariz acolle, o vindeiro 4 de novembro, o terceiro campionato nacional da carreira de obstáculos OCR, organizado por OCR Allariz en colaboración co Concello de Allariz.
Entre 600 e 700 participantes a nivel galego e estatal e mesmo de países como Portugal, Francia, Italia, Inglaterra ou Alemaña, percorrerán lugares emblemáticos de Allariz como as beiras do Arnoia e espazos naturais como o Arnado, a Acearrica, a Alameda ou o Castelo que ofrece unha vista espectacular da vila.
A proba, con saída e meta no Campo de Vilanova, inclúe 4 categorías diferentes. A competitiva, reservada a atletas elite federados, percorrerá 13 km e 50 obstáculos obrigatorios para clasificarse como campión estatal; a internacional na que compiten, nas mesmas condicións que a anterior, atletas doutros países para acadar ao título de campión de España. Na categoría starter participarán atletas federados, coa mesma distancia e dificultade, coa oportunidade de errar en 2 obstáculos. E por último, a popular é apta para toda persoa, non federada, que desexe competir na modalidade de 13 km e 50 obstáculos ou a opción de 6 km e 30 obstáculos.
Durante o percorrido os deportistas deberán superar muros, arrastres baixo aramado, pozas, trincheiras, cordas, cargar troncos, sacos, pneumáticos e até cadeas, así como superar obstáculos de suspensión como as monkey bars, monkey rings, fly monkeys ou nunchakus, entre outros.
Manuel Blanco, director e organizador da proba, confirmou a presenza de todo o podio da pasada edición así como de e atletas na máxima elite a nivel continental
Información e inscricións na páxina web www.championchinorte.com.