Estudantes de secundaria do IES Xesús Taboada Chivite e do IES Castro de Baronceli coñecerán as claves de produción dunha curtametraxe. Será no marco dunha iniciativa piloto que promoven os organizadores do FIC Vía XIV. Segundo sinala o director do certame, Carlos Montero, “o obxectivo final é que os mozos e mozas poidan elaborar por grupos unha proposta orixinal de curtametraxe”. Montero apunta tamén que “os mellores traballos poderán ser exhibidos en futuras edicións do Festival”.
Mediante masterclass específicas aprenderán nocións sobre guión, narrativa audiovisual, rodaxe, preprodución e posprodución de curtametraxes. As clases desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro.
Un total de 35 alumnos de 3º e 4º da ESO participarán na iniciativa con “moito entusiasmo” e “ilusión”, segundo apuntaba Marta Acitores, profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual no IES Castro de Baronceli.