Este ano o concurso vén cun programa de actividades paralelas.

Os pinchos do «Sabores de Ourense» pódense degustar ata o día 18

51 locais da cidade participan nunha nova edición -a undécima- de «Sabores de Ourense» que este ano celébrase do 5 ao 18 de novembro. Haberá propostas elaboradas a base de castañas e cogomelos e cun prezo máximo, como en anteriores edicións, de 2,50 euros.

O concurso é, ademais, o representante ourensán no De Tapas x Galicia, promovido por Turismo de Galicia, e no que participan cociñeiros das sete principais cidades. O establecemento gañador do Sabores de Ourense será o representante da cidade na final autonómica que, na pasada edición, tivo gañador ourensán.

Así o lembrou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación quen salientou a puxanza dos destinos de interior, con iniciativas coma o Sabores de Ourense. “No que vai de ano xa se superan os 94.000 visitantes na cidade”, dixo, e boa culpa disto e a “riqueza gastronómica da nosa terra, con até catro denominacións de orixe”.

Actividades paralelas
A grande novidade desta edición do Sabores de Ourense é a cantidade de accións paralelas ao redor dos pinchos. Javier Outomuro, xerente da Unión de hostaleiros de Ourense (UHO), adiantou que haberá saídas ao monte en busca de cogomelos da man da Asociación Micolóxica Os Cogordos, unha clase maxistral de cociña con castañas da man do chef Sergio Azagra Cruces, e unha segunda a cargo dos chefs gañadores nas categorías de xurado profesional e do público.
Polo demais, a organización establece un palmarés de ata 8 galardóns aos que poden optar os establecementos participantes: 3 elixidos por un xurado profesional, 4 elixidos polo propio público, un galardón especial ao mellor petisco sen glute, que outorga a delegación ourensá da Asociación de Celíacos de Galicia.

Premios
As votacións ao mellor pincho desta edición 2018 dos Sabores de Ourense poden realizarse a través das urnas distribuídas entre os establecementos participantes. Os establecementos que máis votos reciban, unha vez feito o reconto, faranse con algúns dos 3 premios do público. Para votar, cada persoa debe solicitar un tiquet de votación e selalo por cada petisco que tome, xa que son necesario 3 selos para que estas papeletas de votación sexan válidas. Cada unha destas papeletas entrará nun sorteo de diferentes agasallos ofrecidos polos patrocinadores, e que inclúen estoxos de viño, lotes de produtos delicatessen, vales de compra e mesmo unha estancia para dúas persoas nos balnearios do grupo Caldaria na provincia.

Toda a información sobre os locais, os seus pinchos, os premios ou a forma de participar, no espazo web saboresdeourense.turismodeourense.gal.