A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou o traballo de xardinería desenvolvido polo alumnado do obradoiro de emprego xuvenil ‘Manco Xove II’, promovido pola Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense. A iniciativa forma parte do programa de Garantía Xuvenil e para o seu desenvolvemento a Xunta inviste máis de 155.000 euros.
Este programa mixto de formación e emprego conta con 16 alumnos e alumnas e está centrado na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Estes días, o alumnado está a traballar no acondicionamento da contorna da Casa do Concello de San Cibrao das Viñas. As restantes actuacións proxectadas executaranse no concello de Baños de Molgas, onde o alumnado creará unha zona axardinada en Santa Eufemia e Froufe, amais de acondicionar unha zona de sombra no xardín do Muíño; no municipio de Esgos está previsto restaurar a pasarela sobre o río Grañal, acondicionar a ruta dos Muíños e implantar un xardín na Horta da Aira de Meiroá; en Paderne de Allariz traballarase no entorno da praza de Solbeira; en Parada do Sil realizaranse labores de mantemento nas áreas recreativas O Curtiñeiro, O Cruce, A Lama e do campo de fútbol; no concello de Maceda, os alumnos deste taller traballarán no mantemento de varias zonas axardinadas; as actuacións que se van levar a cabo en Xunqueira de Ambía emprázanse na contorna do centro social de Vilanova; e, por último, en Xunqueira de Espadanedo rehabilitarase a zona axardinada e o parque infantil do lugar de Niñodaguia de Abaixo, amais doutras zonas de fornos de alfareiros en Niñodaguia de Arriba.
A Xunta, estes días, está a poñer en marcha na provincia ourensá 18 obradoiros duais de emprego que beneficiarán a 355 persoas desempregadas de 77 concellos. Os participantes destes programas terán unha formación e aprendizaxe durante nove meses, que se poderá complementar, de ser o caso, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.