A figura do jazz actuará no Teatro Principal ás 22 horas.

Actuación de Ron Carter en Ourense

O jazz do lexendario Ron Carter (Míchigan, 1937), unha das máximas figuras deste estilo musical no mundo, chegará a Ourense o sábado, 10 de novembro, no marco do ciclo “Galicia Importa”, ofrecendo por primeira vez en Galicia, no Teatro Principal de Ourense, o seu concerto “Foursight Quarter”.

Baltar destacou, na presentación do concerto, que Ourense “terá a oportunidade ver en directo a unha das lendas do jazz con maiúsculas”, e lembrou o éxito do ciclo “Galicia Importa”, impulsado Xunta a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), “un evento consolidado que trae a Galicia recoñecidos artistas internacionais nun formato especial, máis próximo ao público”.

Entre a lista de nomes cos que este jazzman de Michigan tocou figuran Chet Baker, Thelonious Monk, Herbie Hancock, Wayne Shorter ou Chick Corea, así como artistas doutros estilos como George Benson, Antonio Carlos Jobim ou Quincy Jones.

O concerto, que terá lugar ás 22 horas, pechará o ciclo “Galicia Importa” 2018, iniciativa que ten como obxectivo “a colaboración con entidades públicas e privadas para facer concertos diferentes e achegados ao público, en espazos máis reducidos, traendo a Galicia a relevantes figuras do ámbito internacional”, explicou Jacobo Sutil, quen destacou que este ciclo de concertos “vén a sumarse ás máis de 1.800 citas culturais que promovemos desde Agadic en colaboración con outras entidades”.

Entradas
Pola súa banda, o promotor David Lago dixo que as entradas para o concerto xa están á venta por un prezo de 10 euros máis gastos de xestión, e poden adquirirse a través de ataquilla.com., e lembrou a expectación que a figura de Ron Carter ten espertado no público galego e tamén de León, Asturias e Portugal.