Será en Expourense do 15 ao 17 de novembro.

Chega o II Sportur

Posicionar a Galicia como destino para o turismo deportivo e activo. Este é un dos obxectivos da segunda edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo que se celebrará en Expourense os días 15, 16 e 17 de novembro e que tamén servirá para visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubes deportivos da comunidade. A celebración desta segunda edición servirá de quecemento para a XLII Carreira Popular de San Martiño cuxos corredores recollerán os seus dorsais no recinto feiral nos días previos a esta proba deportiva que xa superou os 11.000 inscritos.
Trátase dun evento destinado a todos os públicos para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade.

Actividades
A trintena de federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento, www.sporturgalicia.com. Algúns dos deportes que estarán representados nesta cita son o ciclismo (infantil e rutas en bici por estrada fóra do recinto); wushu; halterofilia; bádminton; marcha nórdica; ximnasia rítmica; xadrez; baile e zumba; roller derby; hockey; karate; kung-fu; ximnasia acrobática; baloncesto; kickboxing; Taekowndo; defensa persoal; remo indoor, etc.
Sportur Galicia acollerá ademais a entrega de medallas do ciclo de probas “Correndo por Ourense” que organiza o Concello de Ourense e que está programada para o sábado 17 ás 18.00 h. O salón recibirá tamén a visita de xogadores de equipos como o COB-Río Ourense Termal ou da Unión Deportiva Ourense.

Novidades
Entre as novidades para esta edición destacan as actividades organizadas polo Inorde-Turismo de Ourense que inclúen a presentación da Copa Suzuki e unha exposición de coches de rally, ademais da visita e sinatura de autógrafos por parte dos pilotos Javier Pardo e Adrián Díaz. Tamén haberá a posibilidade de tomarse fotografías nos distintos escenarios de “La Vuelta 2018”. O pitch and putt (deporte semellante ao golf) e a posibilidade de montar no globo aerostático da empresa Remax serán outras das novidades desta edición.
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfís en Facebook e Twitter. O horario da feira será o mesmo durante os tres días: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.