A 42ª carreira pedestre popular do San Martiño Caixabank será una proba cardiosaudable, xa que contará con 17 desfibriladores ao longo de todo o percorrido. O despregamento sanitario para atender aos deportistas e ao público estará composto por tres médicos, sete enfermeiros e dez técnicos de Emerxencias.
Eles serán a punta do iceberg dun amplo operativo no que tamén colaborarán 42 voluntarios de Protección Civil de Ourense, 9 de Protección Civil de Barbadás e 27 da Cruz Vermella, que se suman ao dispositivo que despregará a Policía Nacional para velar pola seguridade da carreira e dos seus participantes.
O operativo contará cun posto de mando e tres postos sanitarios avanzados. Terá o reforzo de cinco ambulancias. Tres delas, dotadas con soportes vitais básicos; e outras dúas con soportes vitais avanzados, que ofrecen atención médica proporcionada por profesionais da saúde capacitados para os casos de maior gravidade nos que pode ser precisa a ventilación e desfibrilación das persoas atendidas.
Neste despregamento a organización da carreira conta coa colaboración da empresa Ambulancias Sil e da Academia Rúa, que aporta os seus desfibriladores para que se poida atender ás persoas que o precisen durante a celebración da proba deportiva.
Horarios das diferentes probas
O pistoletazo de saída da primeira das probas da 42 edición da San Martiño, a carreira absoluta, terá lugar ás 11:00 horas e correrá a cargo de Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
A carreira escolar comezará ás 12:30 horas, e contará coa presenza na saída de José Antonio Álvarez, presidente da Federación de ANPA’s de Ourense; mentres que a dos cativos dará comezo ás 13:20 horas con Ángel Fidalgo, responsable técnico da delegación ourensá da Federación Galega de Atletismo, na pancarta de saída.
Finalmente, ás 13:30 horas, terá lugar a carreira inclusiva (para persoas con diversidade funcional), que é a principal novidade deste ano. O encargado de dar a saída será o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
O tráfico de toda a contorna da Glorieta Nexus VI e os seus arredores, desde Pardo de Cela até a marxe dereita do río Miño estará pechado a partires das 07:00 horas. O resto do percorrido, pecharase desde as 10:30 horas.
A Policía Local recomenda non circular nin acceder ao circuíto momentos antes dos horarios previstos para o corte de tráfico, que irán recuperando a normalidade a partir das 14:00 horas -algo máis tarde nas proximidades do complexo deportivo dos Remedios, onde estará emprazada a meta-.
Se é necesario empregar o coche para a travesar a cidade, a Policía recomenda optar por itinerarios alternativos: para cruzar o río Miño, facelo por Oira ou pola Ponte Novísima; no caso de dirixirse cara a zona Sur-Oeste, a mellor opción é facelo polo Polvorín, rúa Manuel Murguía e a Farixa; mentres que para a zona Sur – Leste, a mellor alternativa é atravesar o barrio de San Francisco e a rúa Nosa Señora da Saínza.
Percorrido
A categoría Absoluta percorrerá, a partir das 11:00 horas, a Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Avenida das Caldas, a Ponte Vella, Progreso, Tras Alameda, Doutor Fléming, Ervedelo, a Avenida de Portugal, Marcelo Macías e a Avenida de Zamora, onde haberá un avituallamento. Desde alí subirá por Bonhome e adentrarase na zona vella por Colón, Lamas Carvajal e Paseo. Desde alí a Cardenal Quevedo, Avenida Castelao, Otero Pedrayo e Ponte Nova. Xa do outro lado do río, Vicente Risco, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Ponte Vella e meta, fronte aos Remedios.
A ruta escolar, con saída ás 12:30 horas desde Pardo de Cela, irá cara á Ponte e atravesará as rúas Basilio Álvarez, Avda. das Caldas e Ponte Vella cara ao Progreso, torcerá pola Avda. de Pontevedra, onde haberá un avituallamento, e dirixirase por Lamas Carvajal e o Paseo cara a Curros Enríquez, Ponte Nova, Ribeira de Canedo e Ponte Vella, antes da chegada á meta.