O Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV) amosa o seu lado máis social e comprometido coa programación dunha actividade paralela na súa axenda que ten como obxectivo divulgar o traballo que realiza B´Tselem, o Centro de Información Israelí para os Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados, que leva máis de 25 anos documentando e publicitando as violacións de dereitos civís que se producen na zona e esixindo a fin da ocupación.
Para presentar o labor desta organización, desprazarase ata Verín a cineasta Helen Yanovsky, responsable do arquivo de B´Tselem. Yanovsky será ademais unha das membros do xurado oficial do certame. “Contar coa presenza de Yanovsky é un luxo para o noso Festival e para Verín”, considera o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, que agradece “moi especialmente” á cineasta de orixe xeorxiano “que aceptara a invitación para participar no festival”.
Organización independente e non partidista
B’Tselem é unha organización independente e non partidista. É financiada unicamente por doazóns, tanto de subvencións de fundacións europeas coma norteamericanas que apoian os dereitos humanos en todo o mundo e recibe, tamén, xenerosas contribucións de particulares de Israel e do estranxeiro.
Entre moitas das súas actividades, a organización regala cámaras e ensina a filmar aos cidadáns palestinos para que rexistren o seu día a día e dean conta da situación real que viven. O resultado son tanto películas coma clips virais de Youtube que amosan accións como a execución de civís, o cal levou a varios soldados israelíes ao cárcere.
Unha homenaxe a “Morris”
A programación paralela do FIC Vía XIV completarase cunha breve homenaxe á carreira do ator galego Antonio Durán “Morris”, un dos máis recoñecibles para o gran público grazas a súa participación en máis de 20 longametraxes e máis de media ducia de curtas. O actor desprazarase tamén ata Verín para participar nun encontro co público que se desenvolverá no marco do certame.
O FIC Vía XVIII repasará algún dos traballos máis sobranceiros da súa traxectoria coma a curta Unary ou a recente Dhogs, a longametraxe con maior número de premios Mestre Mateo. Os espectadores terán tamén a oportunidade de visionar outro dos seus traballos: La estación violenta.
Mar de Terra
Finalmente, o festival programará o visionado do documental Mar de Terra, un traballo centrado no Entroido ourensán que leva a sinatura do músico vasco Kepa Junquera. A modo de road movie, Mar de Terra percorre o triángulo máxico do Entroido ourensán (Verín, Xinzo e Laza) xunto a outras localidades da provincia como Vilariño de Conso, Manzaneda, Viana do Bolo e a lucense de Sancedo. O obxectivo: presentar dende dentro os diversos entroidos e plasmar as súas singularidades.
No FIC Vía XIV poderase de desfrutar deste documental, que será exhibido tamén no acto inaugural do Festival de Cine de Ourense.