Un total de 16 comunidades de propietarios de 8 concellos da provincia de Ourense foron beneficiadas das axudas do Goberno galego para a instalación de ascensores, por un importe superior aos 353.000 euros, mellorando así a accesibilidade das familias que viven nas 109 vivendas favorecidas por esta liña de axudas.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse á Comunidade de Propietarios da rúa Cruceiro Quebrado, 5, un edificio con tres vivendas que non dispoñía de ascensor, polo que optaron ás axudas e recibiron unha achega da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de case 15.000 euros. Neste caso, o inmoble polas súas dimensións non tiña oco para instalar o ascensor no seu interior polo que houbo que colocalo na fachada exterior para que o edificio resultase accesible.
As axudas están destinadas á instalación de ascensores, salvaescaleiras e outros mecanismos elevadores nos edificios de vivendas que carecen deste servizo co obxectivo de mellorar as condición de accesibilidade das vivendas galegas. A Xunta tamén subvenciona a instalación destes mecanismos en vivendas unifamiliares e en vivendas tipo dúplex. A totalidade dos apoios concedidos nesta convocatoria na provincia ourensá foron destinados a comunidades de propietarios.
Estas axudas, cuxo importe pode acadar o 60 por cento do custe, son compatibles con outras que se poidan conceder para o mesmo fin, sempre que a suma total non supere o custe da instalación.
A delegada territorial lembrou que a Xunta de Galicia está facendo un gran esforzo pola rehabilitación de vivendas na cidade de Ourense, que inclúe non só a recuperación de inmobles históricos senón tamén a modernización de edificios que, sen ser antigos, van necesitando mellorar algúns aspectos como, por exemplo, neste caso a accesibilidade. Así, na área de rehabilitación integral (ARI) dos barrios de San Mamede, Cruceiro Quebrado e a Inmaculada, se están a levar a cabo actuacións en materia de accesibilidade que afectan a oito vivendas e outro proxecto de reforma interior en vivenda.