O concello de Barbadás únese por vez primeira á campaña «En negro contra as violencias», unha iniciativa da Concellería de Igualdade que dirixe Ánxela González Cid, coa que “se pretende seguir avanzando de forma coordinada na sensibilización social e no traballo para levar á primeira liña política a erradicación das violencias contra as mulleres”, segundo a concelleira nacionalista.
«Barbadás en negro» será o lema dunha campaña na que se pretende concienciar a toda a poboación sobre esa necesidade de erradicación e á que se sumaron un bo número de comerciantes da Valenzá e o colexio público «O Ruxidoiro».
Ademais de sumarse á campaña, o Concello ten previsto outras actividades que se desenvolverán en torno á data do 25-N. Así esta mesma fin de semana e a propia do 25-N, o concello colabora coa UNED nun curso de formación sobre violencias machistas cuxo eixo central é a violencia de xénero e ao que acudirán traballadores e traballadoras do concello coa finalidade de adquirir formación en torno a esta eiva social.
O venres 23 de novembro, o alumnado e profesorado do CEIP plurilingüe «O Ruxidoiro» sairán á rúa a facer unha cadea humana baixo o lema «Barbadás en negro» convidando a todas as persoas que o desexen a unirse a esta actividade que pretende sacar á rúa aspectos traballados previamente nas aulas durante os últimos cursos e que poñen en valor a igualdade entre nenos e nenas.
Por outra banda, o 25-N mozos e mozas do IES «Ferro Couselo» amosarán parte dun traballo realizado no centro educativo a través da concellaría de mocidade e igualdade en colaboración co profesorado, con mensaxes a favor da igualdade e en contra das violencias contra a muller é o compromiso das súas mensaxes.
A concelleira de igualdade afirma que ambos centros educativos amosaron un fondo compromiso con este tema e nesta data queren contribuír na sensibilización social e enviar unha mensaxe de esperanza para a erradicación da violencia contra as mulleres.