O pavillón dos Remedios acollerá este sábado, 24 de novembro, o quinto Campionato de España de Espada Coreana, que contará coa participación de preto dun cento de deportistas.
A presentación desta proba contou coa presenza do Gran Mestre Lee Dong Kyu, residente na nosa cidade desde vai 40 anos e impulsor desta disciplina deportiva no noso país nos últimos 18 anos, nos que ten formado a deportistas que se teñen imposto en campionatos internacionais. Tamén participaron os deportistas Saúl Servia e os irmáns Cástor e Félix Castro, que ofreceron unha demostración ao final do acto.
O Campionato terá lugar na pista central dos Remedios a partir das 12 horas. Antes, entre 10 e 11,30 horas haberá un cursiño técnico para todos os participantes a cargo do Gran Mestre Lee Dong Kyu.
Entre as 12 e as 14 horas será a competición nas disciplinas de apagado de vela e corte de papel. A partir das 16 horas terán lugar as especialidades máis técnicas: formas individuais, combate e corte de caña. A entrada a competición será libre.
Quinta cita nacional
Trátase da quinta cita a nivel nacional que acolle a nosa cidade no que vai de ano, tal e como recordou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez durante a presentación deste evento deportivo.
“A nosa cidade nunca estivo máis viva que agora a nivel deportivo. Nunca se celebraron tantos campionatos nacionais como nos últimos tres anos, o que demostra o gran esforzo e o traballo ben feito polo persoal do Consello Municipal de Deportes” dixo o Jesús Vázquez. Nesta liña, recordou que “o vindeiro mes de marzo Ourense acollerá o Campionato de España de Pista Cuberta, nas instalacións de Expourense, o que confirma a satisfacción polo noso ben facer e polas nosas instalacións”.
O Gran Mestre Lee mostrou a súa “emoción e satisfacción” pola celebración do quinto campionato nacional “na miña cidade” e por ver como comeza a “recoller os esforzos de anos de traballo en toda España”.