A segunda edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, comeza este venres en Expourense e reunirá a medio cento de expositores procedentes de 4 países (España, Portugal, Francia e Suíza). A feira permanecerá aberta durante tres días, pechando o domingo 25 de novembro ás 21 horas.
Trátase dun evento organizado de forma conxunta entre o recinto feiral e a Asociación “Memoria Antiga” de Ourense. Os bos resultados acadados pola primeira edición, celebrada o pasado mes de maio, levou a convocar esta segunda cita das antigüidades na que un preto dun 80% dos expositores repiten contando ademais coa incorporación doutros novos como é o caso de Antigüedades Parrado, de Arévalo, unha das empresas máis importantes a nivel nacional.
Antiq Auria, punto de encontro de nostálxicos, presentará multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos entres sectores. A primeira delas será a das antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, porcelanas, etc. A outra área será o coleccionismo onde se poderán atopar numismática, filatelia, etc. Por último, esta cita conta tamén cun área reservada para os afeccionados aos obxectos e roupa vintage (sec. XX), que se teñen convertido nunha moda e nun referente á hora de decorar os fogares.
Participan nesta feira expositores procedentes de todos os puntos de España e tamén expositores franceses e suízos que adoitan participar nos principais mercados centroeuropeos do sector. O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican dende “Memoria Antiga”, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e lle teña cariño as cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de mercar antigüidades. Dende esta entidade destacan ademais que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía. Este é un dos motivos polos que estarán presentes os anticuarios de referencia da provincia e tamén do resto de Galicia.
Ademais de punto de venta, Antiq Auria tamén pretende servir para que os visitantes teñan a posibilidade de taxar ou vender aquelas obxectos antigos que teñen nos seus fogares. Os interesados poderán coñecer o valor/prezo estimado das antigüidades e vendelas se lles resulta de interese.
O horario da segunda edición de Antiq Auria será o venres de 17 a 21 horas e sábado e domingo de 11 a 14.30 e de 16 a 21 h. A entrada terá un custo único de 2 euros e permite acceder tamén a Celebra e a Bebega (durante a fin de semana).