A Asociación Down Ourense presentou na Deputación Provincial o seu calendario solidario 2019, que se poderá adquirir en diversos puntos da cidade.
Nesta edición, a asociación contou coa colaboración da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense e dos fotógrafos Mani Moretón, Emilio Romanos e Jorge Katalauta, que conseguiron captar en imaxes divertidos momentos dos mozos e mozas da entidade traballando man a man con profesionais das empresas integrantes da asociación empresarial.
No acto de presentación do almanaque, que tivo lugar na Sala de Xuntas da Deputación de Ourense, participaron o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández Fernández; o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense, Lois Babarro Alén; a presidenta da Asociación Down Ourense, Mara Prieto Fortes; e os tres fotógrafos do calendario.
Mara Prieto destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “o calendario solidario supón para Down Ourense unha fonte de ingresos moi importante e é unha vía máis de visibilidade e protagonismo para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Tamén quixo agradecer “a participación de todas as persoas que, de maneira desinteresada, o fixeron realidade” e aproveitou a súa intervención para “deixar patente, unha vez máis, a necesidade de colaboración do tecido empresarial local”.
Nesta nova edición do calendario solidario de Down Ourense foron moitas as empresas da cidade que brindaron o seu apoio a este proxecto: Angelo Milano, Envialia, Ourenmatel, Intensive Learning, Polinexia, Podogal, Gandarela, Conect Comunicación, Sapphira Ourense, Axón, Autoxiro, Sommera, Maricastaña, Movilla & Borrajo y Luís Estévez Marketing Online.
Este ano a tirada será de 1.600 exemplares: 1.000 calendarios de parede, sufragados na súa totalidade pola Deputación de Ourense, e 600 calendarios de mesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 66 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.
Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación e nas tendas Angelo Milano (R/ Paseo, 30) e Nuria Vidal (R/ Concordia, 12), así como nos stands de venda situados no Centro Comercial Ponte Vella os días 24 de novembro e 1 de decembro.