Un total de 68 curtas de 26 países diferentes foron seleccionadas oficialmente para participar na III edición do FIC Vía XIV, que se celebrará en Verín entre os vindeiros 1 e 9 de decembro. As pezas que se exhibirán na vila do Támega foron escollidas entre as 1.261 curtas recibidas pola organización do certame, a máis alta nas tres edicións do concurso.
A programación desta terceira edición do FIC Vía XIV foi presentada en rolda de prensa polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o tenente alcalde, Diego Lourenzo, xunto á concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e o director do festival, Carlos Montero. Foi precisamente este último quen se referiu á “elevadísima calidade de moitas das curtas seleccionadas para o concurso oficial, varias das cales veñen de recibir xa premios en festivais de renome como o de Berlín ou o de Toronto”. Xunto a isto, Montero destaca que nesta terceira edición, o festival afonda no seu obxectivo de internacionalizarse e no de consolidarse como un evento cultural de referencia na comarca.
Nesta mesma liña pronunciouse o rexedor verinés. Seoane puxo en valor o labor da organización do Festival de Curtas, conformada por “persoas locais” que “demostran que desde a terra se pode por en marcha un evento destas características e manter unha liña” coherente. O alcalde afirmou tamén que o FIC leva consigo unha “importante labor de marketing e comunicación” e sitúa a Verín “nun determinado segmento de cidades medias cunha certa relevancia cultural”. Xunto a isto, eloxiou que este ano, máis que os anteriores, o Festival pense nas familias e programe proxeccións de animación para os máis pequenos.
Involucrar á poboación
Paralelamente, tal e como puxo de manifesto Diego Lourenzo, tenente alcalde da vila, na rolda de prensa de hoxe, a intención do FIC –organizado conxuntamente polo Concello de Verín e a Asociación Cultural Vía XIV- é involucrar a toda a poboación de Verín no certame. Para iso, deseñouse unha completa axenda de actividades paralelas que incluirá relatorios, mesas redondas e debates sobre cinema; actividades interactivas; exposicións e unha ampla axenda de accións dirixida aos máis cativos.
A involucración dos verineses e das verinesas vese xa a pé de rúa, segundo destacou Lourenzo, quen se referiu a que son xa varios “os establecementos que colaboran co festival” engalanando os seus escaparates con motivos de cinema. “Paréceme importante que os axentes sociais, económicos e empresariais da nosa vila se volquen co Festival”, apostilou.
Figuras relevantes
O FIC Vía XIV achegará ata Verín figuras tan relevantes como a da cineasta xeorxiana Helen Yanovsky, responsable do arquivo da organización B´Tselem, que se significa polo seu activismo en prol da fin da ocupación israelí. Ata a vila tamén se achegará o coñecido actor Antonio Durán “Morris”, ao que se lle renderá homenaxe coa proxección de diversas obras nas que ten participado. E tamén se poderá ver en Verín documental Mar de Terra, unha visión particular do noso Entroido realizada polo músico Kepa Junkera. Non faltará a música no marco das actividades paralelas que se teñen programado. Neste sentido, a axenda musical do certame inclúe un concerto do cantante Pablo Galiano.
As actrices Nieves Rodríguez e Ledicia Sola serán as encargadas de conducir a gala de clausura do festival, que se celebrará no Auditorio de Verín o vindeiro 8 de decembro e, no marco da cal, se entregarán os seis premios que se outorgan este ano. “Un xurado conformado pola cineasta xeorxiana Helen Yanovsky, os xornalistas Rafael Cid e Nora Sola, o actor verinés Alberto Rolán e o luso José Miguel Ribeiro, coordinador de programación de Doc Lisboa, será o encargado de avaliar e distinguir os traballos”, destacou a concelleira de Cultura, Emilia Somoza. Por último, “tamén haberá un premio especial do público, dotado con 600 euros e patrocinado polo Consello Regulador da D.O. Monterrei”, abondou.
Finalmente, a concelleira de Cultura, animou directamente “a toda a xente de Verín a desfrutar e participar no Festival, unha criatura que medra cada ano e da que estamos moi orgullosos” no Concello.
Diversas categorías
As 68 curtas que se proxectarán ao abeiro do certame encádranse nas diversas categorías que compoñen o Festival (Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova) e que son as mesmas que o ano pasado, en torno a unha serie de temáticas que a organización considera de especial relevancia para Verín e a súa comarca: migracións, fronteira e Entroido.
Os títulos seleccionados e a información sobre cada unha das curtas e os seus directores pode ser consultada na web do certame: www.ficviaxiv.com.