Luis Tosar recibiu o Premio Ourense como homenaxe aos seus 20 anos como actor de cine, un recoñecemento que o Ourense Film Festival (OUFF) quere dar a “un dos grandes actores do cine español”, en palabras de Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF.
Tosar amosouse moi agradecido polo premio, sobre todo, porque como confesou, está “sentimentalmente moi unido a esta cidade”. Remarcou que o Festival de Ourense é unha proba de que “resistimos e estamos aquí” nun momento de transformación do cine no que o futuro é incerto.
O intérprete tamén lle sorprendeu que ao encontro con medios de comunicación no Centro Cultural Marcos Valcárcel asistira un grupo de estudantes da ESO, que durante a xornada de hoxe participan en varios actos para experimentar como é un festival de cine por dentro. Para Tosar, é “moi bonito” comprobar que hai xente moi nova con ganas de ver cine e tamén de facelo.
O Premio Ourense súmase así a unha longa lista de galardóns que Luis Tosar recibiu ao longo da súa carreira e nos que destacan tres Goyas (máis outras catro nominacións), sete premios Mestre Mateo, dous Fotogramas de Plata, tres Premios de la Unión de Actores y Actrices, outros tres galardóns do Círculo de Críticos Cinematográficos e a Espiga de Honor da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) entregada no 2017.
Teatro, televisión e cine
Actor e productor galego, Luis Tosar fíxose popular en Galicia co seu papel de xuíz na teleserie de TVG “Mareas Vivas”. En 1998 debutou no cine coa comedia “Atilano Presidente”, de Santiago Aguilar e Luis Guridi. Un ano máis tarde, recibiu a súa primeira nominación ao Goya por “Flores de otro mundo” (1999), de Iciar Bollaín. A partir de aí, Tosar encandenou papeis memorables en títulos como “Los lunes al sol”, de Fernando León, película rodada en Galicia; “Trece campanadas” (2002); “El lápiz del carpintero” (2003), baseada na novela homónima de Manuel Rivas; “Te doy mis ojos” (2003), de novo con Iciar Bollaín; ou “Celda 211” (2009), de Daniel Monzón.
Os seus últimos traballos son a comedia “Yucatán” (2018), a súa terceira colaboración co el director e guionista Daniel Monzón; a comedia negra “Ola de crímenes” (2018) de Gracia Querejeta e othriller “La sombra de la ley” (2018), do gallego Dani de la Torre, no que dá vida a un policía da Barcelona dos anos 20. Ademais, está a piques de iniciar a rodaxe de “Ventajas de viajar en tren”, baseada na novela do mesmo nome.