O Ourense Filme Festival (OUFF) acollerá este domingo 2 de decembro a estrea mundial dunha produción singular, “Las brujas de E’lente”, a primeira produción de cinema fantástico realizada integramente en Ourense. O filme, dirixido por Simón Vázquez, verá a luz tras cinco anos de duro traballo. A cita será no Auditorio Municipal a partir das 18 horas.
O seu director, Simón Vázquez, presentou esta mañá a película no Centro Cultural Marcos Valcárcel acompañado da actriz Isabel Blanco e da directora de arte da cinta, Paula Bañobre. Vázquez quixo agradecer ao OUFF a estrea da súa ópera prima, “sentímonos moi queridos polo festival. É de tolos ver un cartel no Paseo da peli que fixemos na casa dos meus avós”.
“Las brujas de E’lente”, que se proxecta fóra de competición e forma parte das sesións especiais do OUFF, é un proxecto “que nos ocupou cinco anos, nos que medrou e nos fixo medrar a nós” afirmou Simón Vázquez. Paula Bañobre, a directora de arte, enfrentouse ao reto de “recrear escenarios que non existían e moitos que non existirán nunca en palleiros”.
A actriz galega Isabel Blanco, que acabou de remate no filme, soamente puido reiterar “o inmenso esforzo que houbo detrás desta película. Para que a xente poida voar, hai que darlle apoio e Simón ten o meu”.
“As bruxas de E’lente” foi feita de forma artesanal con toneladas de paixón e esforzo e cunha historia ao máis puro estilo de Guillermo del Toro, en palabras do seu director. Conta, ademais, cun reparto no que figuran caras coñecidas do cinema galego, como Isabel Blanco, Luis Igrexa, Rubén Riós, Sabela Arán, Rosa Álvarez, Fernando González ou Xoel Yáñez.
A longametraxe, de 112 minutos de duración, combina o terror e as aventuras para contar a historia de Eva, unha moza que regresa á casa dos seus pais para rescatar á súa irmá, mentres forzas diabólicas buscan a E’lente, o fillo desaparecido do Demo.
A entrada para asistir á proxección é libre ata completar aforamento. Pódense retirar as invitacións do despacho de billetes a partir das 17 horas.