Un tractor en Larouco, a ponte do río Miño en Castrelo de Miño e obras de humanización en Rubiá son algunha das actuacións.

A Xunta colabora cos concellos da provincia

A Xunta de Galicia colabora cos concellos ourensáns nalgunhas das súas demandas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a executar obras de humanización da rúa principal do núcleo de poboación O Castelo, no concello ourensán de Rubiá, pertencente á parroquia do Barrio de Cascallá, no que o Goberno galego inviste 59.738 euros.
Trátase dunha actuación que se inscribe no programa de axudas da Xunta dirixido aos concellos orientado a contribuír á humanización das vilas e cidades galegas, co obxectivo de frear o despoboamento mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación. Segundo as bases da convocatoria a Rubiá, por seren un concello de menos de 5.000 habitantes, a achega autonómica que lle corresponde é do 100 por cento do proxecto.

Larouco
Medio Rural achega case 71.000 euros ao Concello de Larouco para mercar un tractor destinado a labores de prevención de incendios forestais.
A maquinaria adquirida, un tractor e dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo), cumpren as características acordadas no convenio subscrito. Preténdese manter libre de maleza as infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas municipais.

Ponte
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematará a próxima primavera a renovación dunha ponte sobre o río Miño entre as localidades de Ribadavia e Castrelo de Miño. O investimento é de 726.000 euros.
A rehabilitación que se están a levar a cabo inclúe melloras na estrutura metálica, nas bóvedas de pedra e tamén nos treitos da estrada de acceso á ponte. Na intervención levaranse a cabo traballos de limpeza da estrutura, que son os que se están a facer xa nestes momentos na parte dos estribos, e tamén se repararán e reconstruirán os petrís e os elementos da fábrica que estean deteriorados.