No ecuador do 23º Festival de Cine de Ourense continúan a programación oficial e as seccións paralelas.
Ciclo Amal
O ciclo Amal en Ruta, proxecto organizado polo OUFF e a Fundación Araguaney Puente de Culturas segue súas proxeccións no Liceo de Ourense. Ghaleb Jaber Martínez, responsable do ciclo presentou xunto con César Silva, responsable no OUFF das seccións paralelas, unha das películas nunha sala cunha boa afluencia. Ambos destacaron o interese que existe na cidade para o Cinema Euro-Árabe e salientaron o obxectivo fundamental destas proxeccións «ofrecer un achegamento cultural do mundo árabe a Galicia a través do cine, ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura heteroxénea.»
O ciclo consta de seis longametraxes, tres de ficción e tres documentais que representan unha viaxe a través do mellor filme árabe actual e aínda inclue na axenda dúas sesións: Cairo jazzman, o luns 3 as 18h e Alí, La cabra e Ibrahim, o martes 4 ás 20:30h. Ambas no Liceo de Ourense.
Ingmar Bergman
O ciclo de películas que rende homenaxe ao lexendario director Ingmar Bergman no Ourense Film Festival (OUFF) terá ata o próximo 4 de decembro entrada libre ata completar aforo no Cine Club Padre Feijoo (Biblioteca pública). Trátase da proxección dos títulos “Sueños”, “Sonrisas de una noche de verano”, “Un verano con Mónica”, “El séptimo sello”, “Fresas salvajes” e “El rostro”, que poderán verse no Cine Club Padre Feijoo.
Con esta medida, o OUFF quere facilitar o acceso ao cine dun dos grandes cineastas europeos do século XX, de quen neste 2018 se cumpren 100 anos do seu nacemento. Consolidado como un dos grandes realizadores da historia do cine colleitou multitudes de premios internacionais, varios Oscar incluidos, con títulos como “Fresas Salvajes”, “Un verano con Mónica” o “El séptimo sello”.
Carta pola paridad
O OUFF súmase á Carta pola paridade e a inclusión das mulleres no cine .
Manuel Baltar, a vicepresidenta de CIMA, e o director artístico do Festival de Ourense, asinaron no centro cultural “Marcos Valcárcel” este documento de compromiso a prol do cine feminino.
O Festival de Ourense comprométese a facer pública a lista de membros dos comités de selección e programación; a establecer un calendario de cambios nos órganos executivos do festival, co fin de alcanzar a paridade no actual período de mandato de ditos órganos, e a realizar unha comunicación anual sobre os progresos realizados.
OUFF Escola
A concelleira de Educación do Concello de Ourense, Belén Iglesias informou de que a IX edición do OUFF Escola bateu records, xa que “o número de inscricións este ano aumentou até 102, o que supón 30 máis que o pasado ano. Desta cifra 36 traballos procederon de A Coruña, 37 de Pontevedra, 11 de Lugo e 18 de Ourense”.
O OUFF Escola ten como obxectivo impulsar o uso do galego, coñecer a visión da infancia e da xuventude sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.