Logo de dous días de intensa actividade, Megaxove pechou as portas da súa 19ª edición convertido no lugar elexido por ao redor de 3.000 visitas que se concentraron especialmente na xornada festiva da Constitución. Asociacións xuvenís, voluntariado e clubes deportivos aproveitaron a súa participación no Salón da Xuventude para dar a coñecer o labor que realizan durante todo o ano.
A última xornada do Salón estivo marcada pola celebración de dúas probas deportivas. A primeira delas foron as minicompeticións de atletismo que contou coa participación de medio cento de rapaces das categorías, pre-alevín, alevín, benxamín e infantil, a meirande parte deles membros do Clube Atletismo Ourense, organizador desta proba, pero tamén participaron atletas de xeito independente. A segunda das probas celebradas foi a carreira competitiva e cronometrada “Iron Children- Humor Amarelo” que foi desputada na xincana inchable xigante achegada pola Concellería de Xuventude de Ourense e que se converteu na gran atracción desta edición. Dentro do deporte tamén se celebraron hoxe exhibicións e clases abertas de Judo, que concentrou a centos de participantes e as súas familias, e continuaron os circuítos de ciclismo infantil organizados por Maese Bike.
O salón da Xuventude ofreceu a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serviu tamén de andén de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ao tempo libre e ao lecer, dende xogos populares e tradicionais ata videoxogos ou obradoiros de serigrafía ou de títeres.
Finaliza así o calendario feiral de Expourense para o ano 2018, pero non a actividade no recinto xa que a partir do día 15 de decembro comezarán a desputarse distintas probas deportivas na pista de atletismo cuberta. Polo que se refire ás feiras, a próxima cita feiral será do 6 ó 10 de febreiro coa celebración da 20ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico.