Amencer colocará caixas de recollida de alimentos en Ponte Vella.

12 horas de solidariedade

A conexión entre a Asociación Xuvenil Amencer e os propietarios de Centro Comercial Ponte Vella é notable. Proba diso, é a estreita colaboración que teñen, sobre todo cando da Operación Quilo se refire. Nesta 32ª edición da iniciativa a cooperación intensifícase o vindeiro sábado 15 de decembro. Ese día, Amencer colocará caixas para a recollida de alimentos en dous puntos do centro: na entrada ao supermercado Gadis e na entrada principal do centro comercial. Durante 12 horas estarán colocadas e supervisadas por voluntarios para recoller a comida que os usuarios de Ponte Vella deixen.
O xerente, Marcos Vila, asegurou na presentación da idea que durante estas datas “hai moita afluencia de público”, polo que se Amencer o pide “poderíamos repetir a acción outra data”, declaraba Vila.

Datos
O ano pasado recolléranse 22 toneladas de alimentos, este ano estase a achegar a esa cifra polo que é moi posible que se supere. Amencer terá colocados os carros de compra en varios supermercados -tamén se colocan en eventos deportivos- ata o día 21; ao día seguinte entrégase a Cáritas que é a encargada de xestionar o reparto. O pasado ano chegou esta axuda a 1.020 familias e un total de 3.400 persoas repartidas en 16 parroquias.
Ademais, en establecementos da cidade colocáronse petos; o recadado invertirase na merca de máis produtos alimenticios.

Moteiros Solidarios
Por quinto ano consecutivo en Moteiros Solidarios de Galicia inician a campaña de recollida de xoguetes a favor das casas de acollida de Ourense.
Calquera persoa que desexe colaborar nesta campaña pode deixar xoguetes en bo estado en calquera dos puntos de recollida (hai nove entre a cidade e A Valenzá). A campaña rematará o 15 de decembro. Os interesados que queiran empaquetar os xoguetes deberán achegarse para máis información a Motorcycles Shop Ourense (R/ Pena Trevinca).

Lápis solidario
Outra tradicional iniciativa nestas datas é o lápis solidario, que xa suma 14 edicións. Os lápices están á venda en preto de 100 establecementos da cidade, ata o 7 de xaneiro a prezo dun euro.