Música, humor e a cabalgata de Reis, entre as propostas do Concello.

Actividades variadas no Nadal de Allariz

Do 14 de decembro ao 5 de xaneiro Allariz conta cun programa de actividades para este Nadal para todas as idades. Concertos musicais, monólogos de humor, sesións de contacontos e outras actividades propias destas datas, como a carreira solidaria que despide o ano ou a chegada do paxe real e a cabalgata de Reis son algunha desas propostas.
Así, o pavillón do IES de Allariz acollerá, como é habitual, unha nova edición do NadalParc entre o 26 de decembro e o 3 de xaneiro. Os máis cativos, ata 12 anos, poderán divertirse nos inchables, nas zonas de xogo, no circuíto de educación viaria e nos obradoiros que se desenvolverán neste espazo.
A Casa da Mocidade e o Fogar dos Maiores tamén se suman á programación de Nadal con torneos para os mozos e mozas e actividades para facer rir e cantar para os máis maiores.

Touriñán
Este mesmo venres terá lugar a presentación do libro “El castillo de Allariz” na casa da Cultura -20.30 h-. E o sábado 15 chega un dos eventos máis agardados; Xosé Antonio Touriñán fará rir a todos co seu Alter ego Manolo Lojo -a partir das 11 horas na Casa da Cultura. O domingo 16, no mesmo espazo, será a actuación da Banda Unión Musical de Allariz -12.30 h-.
Seguindo coas actividades na Casa da Cultura, o venres 21 (20 horas) entregarase o premio do concurso Balbino de relatos, xunto á presentación do libro “Máis alá do río do esquecemento”. O sábado 22, ás 23 horas, será o monólogo de Stephy Llaryosa. E dous concertos máis (Trío Auria, o día 23 ás 19 horas e Agrupación Coral de Arnoia, o día 30) pecharán a programación na Casa da Cultura.
Pero a actividade segue, o pavillón do IES acolle así o contacontos “O apalpador conta con vós”, ás 16.30 horas do sábado 29.
O deporte tamén se cola nestas datas coa tradicional carreira “A derradeira”, que se celebra o 31 de decembro a partir das 16.30 horas con saída desde a praza Maior.
O mércores 2, será a chegada do paxe real, ás 18.30 horas, á praza fronte o instituto e o sábado día 5, ás 18.30 horas, desde a Alameda, comezará a Cabalgata de Reis.