Dúas salas expositivas do “Marcos Valcárcel” acollerán esta exposición ata o 24 de febreiro.
A Deputación de Ourense inaugurou no centro cultural “Marcos Valcárcel” a exposición “Arte privada en Ourense”, unha mostra única que reúne por primeira vez obras de destacados artistas europeos dos séculos XVI ao XX, que pon en valor o prestixio do coleccionismo ourensán, amosando obras pictóricas –algunhas das cales se exhiben por primeira vez en público-, de importantes figuras do retrato, a paisaxe, o costumismo e a vangarda, como Bassano, Fortuny, Esquivel, Parada Justel, Sorolla, Van Dongen, Forain, Valtat, Castelao, Laxeiro, Dalí, Granell ou Fernández Mazas, e de escultores como Asorey e Benlliure.
Na exposición, o visitante pode atopar creacións con nomes de retratistas tan importantes como Fortuny, Sorolla, Sotomayor e Cruz Herrera; paisaxistas como Pérez Villaamil, Ovidio Murguía, Carlos de Haes, LLorens, Cecilio Plá; pintura de xénero e historicista como Parada Justel, coa obra “A morte do anarquista”, unha das xoias desta exposición; e unha peza que gañou en 1909 a medalla de ouro na exposición rexional de Santiago: un tríptico de Castelao. Asemade, explica Mercedes Rozas (historiadora e crítica de arte), “exhíbense obras de Elvira Santiso e María Corredoira, artistas que na súa época foron silenciadas”.
A mostra remata coas vangardas, artistas que romperon moldes en favor da modernidade absoluta, exhibindo obras de nomes internacionais como Rousseau, Forain, Van Donguen, Louis Valtat, que apostan por dar un paso adiante contundente, rompendo coa tradición; e tamén figuran creacións dos galegos Granell, Fernández Mazas e Laxeiro.