Julián Garriga dirixe dende fai oito anos o Centro Comercial Aberto e a Asociación de Comerciantes do Carballiño.
Xa se aproximan as datas do Nadal, tempo de xuntanza e, porque non, tamén de compras, onde moitos comercios aumentan a súa facturación.
Para saber como se presenta esta campaña de Nadal no Carballiño entrevistamos a Garriga. Podemos dicir que é unha entrevista dobre, pois e presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) e da Asociación de Comerciantes do Carballiño.
No seu mandato incluíronse os restaurantes, cafeterías e bares dentro do centro comercial aberto para ampliar os seus obxectivos. Nas suas palabras “aínda que os restaurantes, cafeterías e bares non nos computan a efectos de subvencións, senón estaríamos no tramo máis alto, si que nos axudan co seu aporte económico e social, fan visible a asociación”.
Preto xa de deixar ó relevo a outra directiva, deixará o CCA con máis socios que cando a colleu (pasou de 60 a 100 asociados), e como el di “isto é coma a política, ven xente xoven detrás con outras ideas”. Pero recoñece que será un socio toda a vida e seguirá colaborando. Defende a unidade de todos para ser máis fortes.
Cales son as campañas estrelas do centro comercial aberto no Carballiño?
Julián Garriga (J.G.): “A principal é a do verán, que coincide cando veñen os emigrantes, que son veciños de aquí e seguen voltando aínda que agora en períodos máis curtos, antes botaban máis tempo, algúns seis meses ou máis, pero a crise fixo que acurten a súa estancia ou tarden varios anos en vir. Pero é un cliente moi fiel, gústalle mercar na vila, ir á praza de abastos, o seu restaurante favorito…E aproveitamos para facer a campaña máis forte e máis longa. O formato da campaña é sempre o mesmo, vales de compra, porque volve repercutir no comercio local. Despois está a de Nadal. O formato é o mesmo. Ao cliente con cada compra dáselle un vale cuns números que facemos coincidir co sorteo do Neno. O primeiro premio son 250 euros e optas a outros premios que nos achegan colaboradores, como botellas de viño, masaxes, balnearios … antigamente sorteábamos unha moto, un coche, 1000 euros pero agora xa non se pode”.
Cal é a vosa financiación?
J.G.: “Realmente dependemos das subvencións da Xunta, como todos estes entes. Agora cada vez hai máis centros comerciais abertos e tocamos a menos diñeiro a repartir entre máis. Non é doado. Pensamos que a xente está contenta e, ademais, cada ano ímos aumentando o número de socios. Chegados a este punto é máis difícil manter o número de socios que facer novos, pero creo que o estamos conseguindo. Hai que ter en conta que todos os anos pechan negocios xa sexa pola crise ou por xubilación. Cando alguén monta un negocio na vila tentamos estar ó seu lado. Outra fonte de ingreso que temos é a cuota de 25 euros mensuais por negocio”.
Qué vantaxes ten ser asociado do centro comercial aberto?
J.G.: “Ademais das campañas damos asesoramento para posibles subvencións que saían para os socios. Non somos unha asesoría que tramita a subvención pero si de indicarlle ás opcións que pode ter. Estamos en contacto coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para aclarar calqueira dúbida que teña un asociado. De feito, formamos parte da CEO. Eles levannos o tema das nóminas, da contabilidade”.
Canta xente traballa no centro comercial aberto?
J.G.: “Temos unha xerente que e a que realmente move todo. Os que estamos na directiva temos os nosos negocios e non temos tempo para adicarnos a isto o 100%. Ela mira todas as posibles subvencións e encargase do día a día”.
Como ves a situación actual do comercio no Carballiño?
J.G.: “O comercio local de momento vai aguantando. Penso que xa pasamos o peor pero quedamos moi tocados. A crise foi brutal. Tamén aguanta porque Carballiño é unha vila moi importante, ten población, está moi ben comunicada e os distintos grupos que estiveron gobernando no Concello acertaron con potenciar á Festa do Pulpo. Esta festa fai moitos anos era só un día e agora dura case un mes e de interese turístico nacional. Ao longo dese mes coñecenos moita xente que despois volta a vila, grazas a gastronomía do polbo que hai na vila. Creo que iso fixerono moi ben. Así, o Carballiño non é só o emigrante senón que empeza a haber turistas. Na Semana Santa tamén o están facendo ben, fai 10 ou 15 anos non existía practicamente. Estanse a facer cousas para que isto vai para arriba. Igual que estamos moi ben situados, a 15 minutos de Ourense, a 50 de Vigo, a 40 de Santiago, notamos que algún fin de semana a xente vaise fóra, aos centros comercias desas cidades. Pero non atopamos nada que non haxa aquí, o 90% das cousas están no Carballiño”.
Facedes campañas de sensibilización para mercar no comercio local?
J.G.: “Continuamente. Coincidindo con datas onde pode haber compras, como o día da nai, do pai, do libro, magostos … temos accións. Facemos cursos. Somos moi dinámicos. De feito xa van dóus anos que nos dan o premio ao centro comercial aberto máis dinámico de Galicia. Parecenos un bo recoñecemento”.
Que orzamento manexa o centro comercial aberto?
J.G.: “Realemente son as cuotas dos asociados, eses 2500 – 2600 euros mensuais. Úsanse para pagar a nómina da xerente e pequenas facturiñas que imos tendo de cartelería nas campañas que facemos que tentamos ter o día, aínda que ás veces e complicado. Traballamos todo con proveedores do Carballiño. Cando recuperamos esa inversión é cando a Xunta, normalmente a finais de ano, convoca a subvención e nos devolve o 80%, máis o menos. Como hai accións e cousas que se subvencionan e outras non, é cando tiramos deses 2500 euros”.