O maior parque estacional de Galicia, Pazolandia, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, continúa a ser, despois de 26 anos, o espazo de ocio do Nadal ourensán, que abrirá as súas portas no Pazo dos Deportes “Paco Paz” do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro de 2019, con dúas sesións diarias, ofrecendo aos máis cativos un completo e variado programa de actividades.
A distribución das actividades será a seguinte: nos exteriores estarán as actividades dirixidas ao público de maior idade, no pavillón pequeno estarán as dos menores de seis anos e no pavillón grande ubicaranse as atraccións máis novidosas, deixando a primeira planta para os obradoiros. “O orzamento destinado a Pazolandia, que este ano subiu 15.000 euros para atraccións, ascende aos 105.000 euros”, dixo José Domarco.
O prezo da entrada ao parque mantense en 4 euros e, para os nenos que veñen a través dos concellos da provincia o custe da entrada é de 3 euros. As entradas poderán adquirirse nas taquillas do recinto ou a través de Internet na páxina www.pazolandia.es.
O parque terá dúas sesións diarias, pola mañá das 11 ás 14 horas, e pola tarde será das 17 ás 20 horas, desde o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro, e só permanecerá pechado o día 31 de decembro e o 1 de xaneiro pola mañá.