A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou as actuacións executadas no concello de Quintela de Leirado, concretamente na ruta de sendeirismo do Miradoiro, ao abeiro da Orde de axudas concedidas para acometer proxectos de preservación, recuperación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura 2000.
Díaz Mouteira acompañada do alcalde do municipio, José Antonio Pérez, achegouse ata a ruta de sendeirismo rehabilitada que conta cunha lonxitude total de 10 quilómetros, na que se realizaron obras de mellora de camiños existentes e o acondicionamento de zonas intransitables. Os traballos consistiron na roza e limpeza da zona, instalación de sinais de orientación e de mobiliario que supuxeron un investimento de 20.000 euros.
A ruta do Miradoiro está incluída no espazo natural protexido ZEC Baixa Limia e ZEPA Baixa Limia-Serra do Xurés, polo que puido beneficiarse destas axudas destinadas á realización de investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura, confinanciadas polo Feader.
Segundo explicou a delegada territorial, este ano na provincia de Ourense ao abeiro desta liña de axudas desenvolvéronse un total de 42 actuacións cun investimento de preto de 615.000. Vinte destas actuacións correspóndense a concellos con zonas Rede Natura, e as 22 restantes foron promovidas por persoas titulares de terreos forestais ou agrícolas emprazados nestes espazos protexidos ou por asociacións ambientais e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas protexidas.
Marisol Díaz subliñou o compromiso da Xunta “coa conservación, coa protección e coa mellora do noso patrimonio paisaxístico”. Así, indicou que a Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, facilitando ou potenciando aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión, ao desenvolvemento do territorio rural galego.