A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade colaborou co concello ourensán de Oímbra para realizar na estrada que comunica a capitalidade do municipio co núcleo de San Cibrao a primeira fase das obras de acondicionamento que inclúen traballos de renovación do asfaltado e ampliación da súa anchura. Esta actuación, xa rematada, supuxo un investimento do departamento autonómico de 72.390 euros.
Por mor das limitacións orzamentarias, o Concello de Oímbra propuxo acometer a mellora desta vía en varias fases. Os traballos da primeira fase realizáronse ao longo de 800 metros dos 2.100 que ten de lonxitude total esta estrada que ademais de comunicar Oímbra con San Cibrao, une este núcleo de poboación coas localidades lusas de Cambedo e Vilarelho da Raia.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, comprobou o remate destas obras que consistiron no reforzo e renovación do firme coa aplicación dunha capa de rodadura de 6 cm de espesor de aglomerado asfáltico en quente. A actuación completouse coa limpeza das cunetas e da terra acumulada nos seus laterais, que provocaba un estreitamento do ancho da calzada. Deste xeito, logrouse dotar a esta vía dunha anchura constante de 6 metros.