O Teatro Principal acolle este xoves, 10 de xaneiro, o concerto do quinteto Resonans dentro do VI ciclo de música «Enclave de Cámara». A actuación dará comezo ás 20 horas e o prezo das entradas están entre os 5 e os 8 euros.
A obra romántica de Schumann e o tango de Piazzolla interpretado a catro cordas con bandoneón, a proposta musical do Enclave de Cámara para este mes de xaneiro.
Resonans nace pola conxunción de cinco músicos que pretenden difundir repertorio novo e descoñecido de cuarteto de cordas e bandoneón á vez que renden unha homenaxe ao repertorio dos grandes mestres compositores de quinteto con piano.
As interpretacións destes cinco virtuosos dan nova vida a obras coñecidas do repertorio clásico. No seu recital en Ourense adicarán unha primeira parte ao piano e a catro movementos dunha obra de Schumann na que destaca a intensidade temática romántica e unha segunda parte –xa sen o piano- na que o bandoneón e o tango de Astor Piazzolla toman a palabra. De feito, a historia e obra de Piazzolla está fortemente vencellada a este instrumento de orixe popular alemá pero que se desenvolveu musicalmente no mundo do tango en Bos Aires e Montevideo.
Os membros de Resonans son músicos que contan cunha variada traxectoria, tanto nos ámbitos da música de cámara e orquestra, coma no solístico, cunha carreira consolidada a nivel internacional. Vencellados con distintas orquestras como L’Orchestre de l’Opere nacional de París, Orquestra Nacional de Francia, Pelleas Orchestre de Chambre, Bandar, Cadaquès, Orquestra Sinfónica de Galicia, de San Sebastián, Nacional de Arxentina, Verbier Chamber Orchestra, etc. actualmente son titulares da Orquestra Nacional de España e da Orquestra Sinfónica de Madrid.