A Deputación de Ourense conmemorou o 69º cabodano do ilustre galeguista Castelao cun acto que, baixo o título “Castelao e Prada. Irmaus!”, reuniu a representantes institucionais, sociais e culturais na antiga biblioteca do Pazo Provincial, onde repousan temporalmente as cinsas do insigne ourensán, Rodolfo Prada Chamochín, e a súa dona, Manuela Fraga. Desta maneira, o goberno provincial rendeu homenaxe aos ilustres galeguistas Alfonso Rodríguez Castelao e Rodolfo Prada Chamochín, nunha celebración na que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC e membro numerario da Real Academia Galega, Ramón Villares, mantedor do acto.
Baltar destacou no seu discurso de clausura do acto o labor desenvolvido pola institución provincial ourensá a prol “de rescatar a sobranceira traxectoria de Rodolfo Prada Chamochín, emigrante do noso que desenvolveu un importantísimo e inxente labor, político e cultural en América, principalmente na capital arxentina, onde residiu ao longo de sete décadas que abranguen un período fundamental da nosa historia no século XX; desde as Irmandades da Fala ata a preautonomía”.
Así mesmo, salientou que grazas “á vontade política do goberno provincial e contando coa inestimable colaboración dos netos de Rodolfo Prada puxemos mans ao compromiso, sendo conscientes da dimensión dunha figura cimeira para o coñecemento do ideario e da acción do galeguismo en América que, por diversas razóns, permanecía inxustamente esquecida”.
Desta maneira, expresou o presidente Baltar, levouse a cabo “a institucionalización, a nivel provincial, do 4 de novembro como “Día de Rodolfo Prada”; a creación e dotación dun premio destinado á xestión cultural en Galicia que leva o seu nome; a inauguración dun monumento alusivo á súa traxectoria, obra de Manuel Buciños, e a recepción no Pazo Provincial, cos honores dos que Rodolfo Prada é merecente, das súas cinsas e as da súa dona, Manuela Fraga, cumprindo así a derradeira vontade dun dos mellores entre os bos e xenerosos”.
“O rianxeiro Castelao amaba Ourense –destacou Manuel Baltar-. Boa proba do seu cariño e simpatía por nós está nas testemuñas de Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Manuel Martínez Risco, Eduardo Blanco-Amor e moitos ourensáns amigos seus. Mais no caso de Rodolfo Prada, a empatía e a confianza foron medrando desde 1931, cando se coñeceron en Pontevedra, na constitución do Partido Galeguista, incrementaron na década do exilio bonaerense de Castelao, de 1940 a 1950, e perduraron máis alá da súa hora final, o fatídico 7 de xaneiro de 1950”.
Manuel Baltar afirmou que calquera que se achegue “ás interesantísimas cartas de Castelao a Prada –as cales imos editar axiña desde a Deputación- poderase decatar do alto grao de consideración que lle tiña ao dos Peares o autor de Sempre en Galiza; nunha delas Castelao afirma: ”O Centro Orensano é a miña casa-refuxio, nela atopo calor de familia e un entusiasmo galeguista enorme, manifestado a través de dous milleiros de socios. Se non fose rianxeiro, e por tanto pontevedrés, gustaríame ter sido orensano, sobre todo polo carácter e pola simpatía, que os distingue do resto dos galegos”.
Manuel Baltar rematou afirmando que esa era “a Galicia pola que loitaron, en case todas as frontes e en circunstancias moito máis críticas que as actuais, Castelao e Prada. Sabemos que non é aquela Galicia a que nos esixe respostas neste 2019 -e no 2020, cando celebremos o centenario da revista e da xeración Nós, que pasan, necesariamente, por Ourense-, pero si o é a idea fundamental: Terra, Pobo, Lingua e Cultura”.