O concello ourensán de Bande dispón dun tractor para a roza en virtude dun convenio financiado pola Consellería do Medio Rural, cun importe máximo de 85.000 euros, que será utilizado na prevención de incendios forestais neste municipio.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou este municipio con motivo da adquisición desta maquinaria. Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada polo alcalde de Bande, Jose Antonio Armada.
Díaz Mouteira explicou que o obxectivo deste tipo de convenios de colaboración é facilitarlle aos municipios, por parte da Xunta, os traballos de limpeza de matogueira no ámbito de competencias das entidades locais. Trátase de manter libre de maleza as infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas municipais.
Co propósito de colaborar cos concellos da provincia de Ourense na prevención de incendios forestais e financiar a adquisición de maquinaria, a Consellería do Medio Rural tamén asinou o pasado verán convenios con Cartelle, Maceda, A Veiga e Xinzo de Limia, ademais doutro con Larouco que contou coa colaboración da Deputación provincial. Os concellos beneficiados foron seleccionados de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018. A axuda destínase á compra dun tractor con dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente ten que aboalo cada concello.
Dende 2017 a Consellería leva financiado a adquisición de 70 novos tractores que prestan servizo a un total de 81 entidades locais de toda a Comunidade galega.