O conselleiro reuniuse con alcaldes do macizo central ourensán.

Medio Rural pide implicación contra os incendios

A Consellería do Medio Rural pretende involucrar á sociedade civil na loita contra a actividade incendiaria, especialmente naquelas zonas de Galicia con lumes recorrentes. Con esta finalidade, o conselleiro José González solicitou a colaboración dos alcaldes do Macizo Central ourensán para que eles mesmos percorran as parroquias con maior incidencia deste problema, acompañados por axentes forestais e efectivos dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para informar os veciños e solicitar a súa colaboración, en particular no que atinxe á denuncia das prácticas delituosas incendiarias.

Á xuntanza estaban convocados representantes dos concellos ourensáns da Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo, A Veiga, A Pobra de Trives, Manzaneda, Vilariño de Conso, Laza, Chandrexa de Queixa e Montederramo. Esta zona foi, precisamente, a máis afectada polos últimos lumes rexistrados na nosa comunidade. Foron 90 en total (a maioría, 58, na provincia de Ourense) desde o pasado 30 de decembro ata o 13 de xaneiro e o 90% deles foron intencionados.

O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta vai poñer en funcionamento un número de teléfono gratuíto e específico para denunciar condutas incendiarias, no que se garanta o anonimato do denunciante. Desta forma, facilitarase a cooperación dos veciños na loita contra este problema, de forma que poidan alertar sobre actividades sospeitosas no monte de forma totalmente anónima. Por este motivo, prepararase un protocolo en conxunto entre a consellería e os corpos e forzas de seguridade do Estado para garantir o correcto emprego dos datos difundidos a través desta liña.

Plan de pastoreo
Nesta reunión, o conselleiro informou aos alcaldes sobre o plan de pastoreo no que traballa Medio Rural, de xeito específico para o Macizo Central ourensán, e que está dotado cun orzamento duns 800.000 euros. O seu obxectivo principal é fomentar a ordenación e posta en valor deste aproveitamento en toda a zona, así como mellorar a loita contra os incendios forestais.

O plan contempla a análise da situación dos pastos, da estrutura e distribución do gando no monte e das necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc., co fin de levar a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos.

O conselleiro José González sinalou que con esta iniciativa búscase mellorar a prevención e loita contra os incendios forestais, xa que está demostrado que a posta en valor do monte e o aproveitamento dos seus recursos endóxenos –neste caso, de maneira específica, os pastos– repercute de xeito positivo na defensa fronte o lume.