O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, asinaron no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións, acordo que permitirá dotar de céspede artificial ao campo de fútbol de Soutopenedo, unha actuación para a que a institución provincial achega un total de 150.000 euros.
Esta iniciativa, en opinión de Manuel Baltar, “permitirá levar a cabo unha obra que contribuirá a seguir fomentado o deporte nesta localidade, poñendo a disposición dos veciños unha infraestrutura mellorada para a práctica do fútbol”. O Concello de San Cibrao das Viñas, ademais da súa achega económica, porá a disposición os terreos para a execución da obra, a obtención das autorizacións pertinentes e a garantía da adecuación á normativa urbanística e sectorial, mentres que a Deputación de Ourense, por medio da súa central de contratación, tramitará o expediente para contratar a adxudicación e execución da obra.