O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda desprazouse ata o concello de Ourense onde asinou co alcalde da cidade, Jesús Vázquez o convenio para delegar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a realización dos procesos selectivos de policías locais.
Este acordo, que terá unha vixencia de catro anos -prorrogables- “optimizará os recursos e mellorará os procesos de selección”, en palabras de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense. Así, a Xunta realizará a convocatoria e fará o seguimento dos procesos selectivos, mentres que o Concello de Ourense decidirá, na convocatoria, o número de prazas, denominación dos postos e características dos mesmos.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, destacou que este convenio, ao que xa se adheriron 56 concellos de Galicia, permitirá que as plantillas estean equilibradas ao tempo que homoxeneizará as probas, daralles obxectividade e axilizará o proceso de cubrir as vacantes existentes”, dixo.
Desta maneira, e despois de que os concellos convoquen novas prazas de policía, os aspirantes formaranse na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada (Pontevedra) e accederán, en función das súas cualificacións, ao destino solicitado. O seguinte paso sería un período de prácticas no propio destino logo do que pasarían a formar parte da plantilla laboral en categoría de funcionarios.
Segundo o vicepresidente Rueda, até un total de 200 policías se incorporarán durante este ano aos diferentes concellos adheridos ao programa, entre eles 9 con destino Ourense, e que realizarán as prácticas nos meses de verán.
Actualmente, o Concello de Ourense conta con 109 policías locais -12 mandos e 97 axentes- aos que haberá que restarlles 11 a finais deste mes: son os que solicitaron, polo de agora, acollerse ao decreto que lles permite xubilarse de forma anticipada aos 59 anos.
Grazas a estas colaboración que o Goberno galego puxo a disposición dos concellos o ano pasado, un total de 56 concellos delegaron as probas selectivas, tanto do corpo da Policia Local, como de auxiliares, facilitando o traballo dos concellos e axilizando a contratación dos efectivos. Como consecuencia, levouse xa a cabo o proceso de selección de auxiliares de policía local, con 109 prazas. E agora mesmo estase rematando coa selección de policías.