A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia avanzan no proxecto do Centro Galego de Innovación da FP, que se situará en Ourense, unha iniciativa que será o referente da formación profesional de Galicia e un potenciador do fomento do emprego xuvenil. Nestes termos concordaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e conselleira de Educación, Carmen Pomar, na reunión celebrada esta tarde no Pazo Provincial, cos seus respectivos equipos, para analizar o deseño e as liñas de actuación, que terá na sinatura do correspondente convenio de colaboración e na licitación do proxecto os seus pasos máis inmediatos.
Baltar e Pomar coincidiron en que a innovación e o emprendemento serán as liñas fundamentais que marcarán este centro de referencia da Formación Profesional, “contando co empresariado como eixo principal para desenvolver unha FP dual que abranga as necesidades sectoriais do ámbito empresarial, tendo en conta tamén á universidade para desenvolver conxuntamente proxectos de investigación”, expresou o presidente da Deputación de Ourense.
O Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, promovido por Manuel Baltar, que terá a súa sede na provincia de Ourense, «será un espazo de xeración de ideas innovadoras, de patentes e de proxectos, que contribuirán ao desenvolvemento empresarial e social”, dixo Baltar. Será un nodo de innovación, lanzadeiras de emprendemento e tecnoloxía, o gran centro de innovación na FP da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A creación deste centro será cofinanciada pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, unha infraestrutura que situará á provincia de Ourense no liderado da Formación Profesional en Galicia, “o que suporá un gran impulso para o desenvolvemento do emprego xuvenil e para novas oportunidade laborais, así como maior capacitación e innovación para as empresas”, destaca Baltar, quen defende o “papel protagonista” que o empresariado debe ter neste proxecto “que marcará un antes e un despois na formación profesional da nosa mocidade”, sinala o presidente provincial.
O respectivos equipos da Deputación de Ourense e da Consellería de Educación seguen a traballar no deseño, xestión e planificación do centro, cuxa proposta partiu de Manuel Baltar no pasado debate sobre o estado da provincia de Ourense -celebrado o 6 de novembro de 2018-, onde dixo que a Deputación “estaba disposta, tanto por capacidade loxística como por solvencia económica, a cofinanciar coa Xunta de Galicia a implantación do gran centro de referencia de FP de Galicia, unha iniciativa que obtivo días pasados o respaldo do Consello da Xunta».