Con axudas de 300 euros por bebé.

O programa “ChegOU” beneficiou a 1.274 familias

1.274 familias beneficiáronse en 2018 do programa “ChegOU” de apoio á natalidade, que promove a Deputación de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o delegado territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, asinaron no Pazo Provincial o convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para desenvolver en 2019 o programa «ChegOU» de apoio á natalidade. Un acordo que permite xestionar mediante unha tarxeta prepago a axuda económica que outorga a Deputación de Ourense -300 euros por bebé-, destinada á adquisición en farmacias e parafarmacias de produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde, relacionados co primeiro ano de vida do bebé. Para 2019 concedéronse un total de 1.274 axudas (dun total de 1.314 presentadas), ascendendo o importe das mesmas a 339.300 euros.

O presidente do goberno provincial afirma que estas axudas, na liña do reto demográfico, que impulsa a Deputación, “son unha aposta por Ourense, e as cifras do ano anterior reflicten que só oito concellos da provincia non presentaron solicitude, o que significa que en 84 municipios si houbo nacementos e as familias tramitaron as axudas”.

Nestes días abrirase o prazo para poñer en marcha este procedemento por parte da Deputación de Ourense. Para este ano contempla unha partida que ascende a 400.000 euros.

Papeis cero
As solicitudes para a tarxeta ChegOU presentáronse a través da plataforma informática no enderezo http://natalidade.depourense.es. O tempo medio entre a solicitude e a resolución de concesión foi de 24 días e o tempo medio ata que as persoas beneficiarias recibiron a tarxeta no seu domicilio foi de 29 días. A Deputación de Ourense puxo en marcha esta iniciativa de apoio ao fomento da natalidade en 2016, programa que continuou desenvolvéndose en 2017, 2018 e no presente ano.

Como mellora na xestión, consciente das complicacións das primeiras semanas de maternidade/paternidade, introduciuse a opción “Anticipa”, que posibilita as futuras persoas beneficiarias, con carácter previo ao parto, a presentación dunha presolicitude dixital que inclúe os datos necesarios para que a administración comprobe anticipadamente os requisitos que darán dereito á axuda. Así, no momento do nacemento, só é preciso pulsar nos datos de nacemento e facer a presentación exprés da solicitude, sen necesidade de cubrir ningún outro dato nin aportar documentos. Ata o momento rexistráronse un total de 298 presolicitudes presentadas coa opción “Anticipa”.