Tras cinco anos mandando puntualmente a súa colaboración, as súas “andrómenas”, Avelino Jácome decidiuse a recopilalas todas e plasmalas nun libro que presentou o pasado mércores día 30 de xaneiro no Liceo de Ourense, que se encheu para darlle os parabéns. “As androménas e outros contos” de seguro é un libro que pode ou non gustarche pero o que si é certo, eu dou fe, que que está escrito dende o corazón para chegar ó corazón. Dende o xornal Barrios recomendamos a súa lectura e, senón nos cren, o propio escritor os convencerá delo.
Cando xurde plasmar en libro as Andrómenas e Outros Contos?
Avelino Jácome (A.J.): “Este é un proxecto no que viña traballando dende o ano 2013, xorden como unha necesidade de contar a intrahistoria daqueles heroes anónimos, que pouco a pouco e cheos de traballos, foron quenes de mudar a realidade dunha posguerra, chea de miseria e fame, na realidade que hoxe coñecemos”.
Cóntanos de que trata este libro
A.J.: “Trata de ensinar a Galicia do interior, vista de dous xeitos, por unha banda a Galicia dos que tiveron que emigrar, por exemplo unha das miñas Andrómenas, conta como miña nai, unha moza de só vinte e oito anos, vese obrigada a deixar a súa aldea, para embarcar en Vigo nunha travesía de dous meses, sen saber tan sequera a onde a levaban, deixando ao home e dous fillos aquí, para chegar a una cidade como Caracas. Ela que nunca estivera nunha cidade; xa te imaxinas a valentía que lle tivo que botar, e en menos de dez anos, ter un negocio propio, xuntar a súa familia, e mudar a fame por un porvir mellor.
E por outra banda a historia dos que se quedaron aquí, que conta o outro autor, Manuel Blanco, o meu compañeiro nesta aventura, loita para saír da escravitude, de ser caseiros, sen terra de seu, matarse a traballar para ter que darlle a metade da colleita ó Señor das terras, nesa loita a súa nai perde a vida, pero tamén pouco a pouco cheiños de traballo conseguen mudar esa realidade”.
Xa levas moitos anos escribindo as Andrómenas para xornais como o Barrios, supoño que é unha necesidade contar estas historias?
A.J.: “En primeiro termo quero darlle as grazas á xente deste xornal “Ourense por Barrios” por darme a oportunidade de publicar os meus escritos, se non fora por iso e pola resposta positiva dos lectores, non me houbera atrevido a escribilas, por outra banda o escritor quere que o lean. Aínda que as veces non se atreva a dicilo por medo ou por timidez, partindo do local, queremos alcanzar o universal e estas historias pretenden ser iso, uns contos de aquí que son de todo o mundo, nenos grandes, mulleres e homes, porque no fondo o ser humano, sofre, ri e chora o mesmo, sen importar onde viva”.
Estas historias que narras, teñen un alto contido autobiográfico?
A.J.: “Sen ningunha dúbida, son autobiográficas dende o punto de vista dos recordos. Dicía Gabriel García Márquez, que a realidade non é como foi, senón como un a recorda, e isto é o que acontece, estas lembranzas pode que nalgúns casos sexan un chisco idealizadas, pero non por iso deixan de ser anacos das nosas vidas”.
Narra dúas realidades que se complementaron hai unhas décadas na Galicia interior.
A.J.: “Si, esas dúas realidades, as dos que se foron e as dos que se quedaron, pero tamén narra outras cousas menos tristeiras, a malla, un dia de feira, os cestos, o Nadal ou o Samaín, días tamén de troula. Teño que dicir que o libro leva a reprodución de trinta e dúas obras pictóricas do xenial pintor ourensán Miguel Ángel Martínez Coello, que poñen en imaxes a etnografía dos recordos desa vida que se foi, e que era importante contala, para que non se perda”.
Neste libro, pódese dicir, ábreste en canle e ensinas a túa alma?
A.J.: “Espidos, abertos de par en par sen cancelas, un é fundamentalmente o meniño que foi, por moitas voltas que a vida dea, a nenez é o paraíso ou o inferno que nos acompañará sempre, a pesares das tristuras tanto Manuel coma eu vivimos nese paraíso, que é unha aldea para un cativo”.
Que se atopará o lector nel?
A.J.: “Atoparase reflectido en moitas das historias, sentirá que falan do seu, da súa propia familia, dos seus veciños, das súas avoas e das súas nais, porque son uns recordos contados por homes, mais as verdadeiras protagonistas son as mulleres, esas heroínas anónimas ás que lle debemos todo o que somos”.
Cando a xente remate de lelo, que queres que sintan?
A.J.: “Espero que sintan un fondo apego a súa terra, un orgullo de ser galego. Que saquen calquera complexo da súa testa, que miren para adiante, lembrando as súas orixes, porque estamos feitos de anaquiños de xenerosidade e de sacrificio, somos una xente valente e rexa”.
Onde, e a que prezo se pode mercar o libro?
A.J.: “Temos unha promoción para os primeiros 200 exemplares ó prezo de 20 euros, co agasallo para os primeiros 100 de dúas láminas inéditas. Pódese mercar en Orixe Publicidade, na Rua Francisco de Moure 20, ou pedindo no correo avelino.orixe@gmail.com, a partires do dia 11 de marzo, que faremos outra presentación nas Terras do Deza, no museo Etnográfico Casa do Patrón, e se porá á venda en librerías xa ó prezo de 25 euros, tamén poderán dirixir os seus pedidos á editorial A Formiga Rabicha”.