Verín, Xinzo de Limia e a capital presentaron a súa programación.

A provincia prepárase para días de troula co Entroido

Empézase a notar que o Entroido achégase. Xa son varias as localidades que presentaron a súa programación. A de Xinzo de Limia, por exemplo, esténdese durante un mes. A capital da Limia, Verín e Ourense presentaron a súa programación para a festividade máis irreverente.

Xinzo
A primeira localidade que se pon en marcha é Xinzo, que este ano foi denominado de interese turístico internacional. Este mesmo sábado, 9 de febreiro, darase o Petardazo para ao día seguinte celebrar o Fareleiro. O día 16 colgarase ao Meco despois dun percorrido polo casco Vello. Ao día seguinte, Domingo Oleiro. O sábado, 23 de febreiro, celébrase a Noite de Corredoiro e o domingo 24, o Corredoiro (día no que sairán á rúa as Pantallas por primeira vez). Xinzo meterase de cheo no Entroido durante cinco días de auténtica troula. O venres, día 1 de marzo, ás 11.30 horas os máis cativos toman o protagonismo co desfile infantil. O martes, día 5, a partir das 17.30 horas, será o desfile polas rúas da vila.

Verín
Na capital do Támega o Entroido comezará o xoves de Compadres, o 21 de febreiro, coa primeira saída dos cigarróns. O domingo, 24 de febreiro, a partir das 11:30 horas, concentración de Cigarróns na praza do Concello, que recibirán aos fregueses. Ás 13:30h na mesma praza Maior terá lugar o Pregón.
Un dos días grandes será o xoves de Comadres (28 de febreiro). Pola mañá (11.45h) os máis cativos terán o seu desfile (comezará no entroncamento de Canella Cega coa rúa Cabreiroá para rematar na praza Maior) e pola noite mandarán as mulleres, con procesión incluída.
O venres de Compadreo será o 1 de marzo. E seguirán cinco días de entroido sen parar. O sábado, o máis destacado será o o “Bautizo do Cigarrón” ás 17 horas; o domingo -día grande- a partir das doce, cigarróns, comparsas e carrozas, percorren o centro da vila no gran desfile matinal. O luns, a partir de las 16:30 horas, entroido infantil con obradoiros, xogos e karaoke no pavillón municipal de Deportes. O martes, o derradeiro desfile dará comezo ás 16.30 horas. Como epílogo das festas, o Domingo de Piñata pecha a semana grande cunha gran comida popular para os participantes nos desfiles.

Laza
Laza fará os seus folións ás 23 horas dos días 8, 15 e 22 de febreiro. Tamén celebrará a localidade o sábado de cabritada (o 2 de marzo, sábado). O domingo 3 estreanse os Peliqueiros pola mañá. O lúns Borralleiro (día 4) será o momento da baixa da Morena. A festa rematará o martes día 5 co enterro do entroido e loito dos Peliqueiros.

Ourense
A capital no será allea aos disfraces e desde o Concello prepararon un Entroido con charangas. O pregón será a cargo do humorista Xosé Antonio Touriñán -o xoves de comadres, 28 de febreiro-. O desfile terá lugar o domingo, 3 de marzo a partir das cinco da tarde. O mércores, 6 de marzo, Ourense despídese do entroido co enterro da Sardiña (20 horas).
Ademais, non se pode esquecer un dos entroidos das Eiroás -coa voda da Pita o martes 5, ás 13 horas-; o de Seixalvo co seu desfile o martes día 5 ás 17 horas; e o de Frei Canedo coa súa procesión o lúns, 4 de marzo. Hai que “vivilo intensamente”, en palabras do alcalde de Ourense.

Outros entroidos
En Bande o máis destacado será a saída dos Troteiros, o sábado, 23 de febreiro, e domingo 3 e martes 5 de marzo. O desfile está previsto para a tarde do domingo día 3.
Celanova, pola súa banda, centra todo o seu entroido no Sábado de Piñata que terá lugar o sábado, 9 de marzo, fin de semana seguinte aos días fortes do entroido. Os que se resiten a deixar o disfraz ata o ano que vén acheganse para participar neste evento que congrega a un gran número de comparsas de toda a provincia e de fóra dela.