Medio milleiro de escolares e docentes participarán este ano no programa “Tertulias literarias”, que organiza o Concello de Ourense coa colaboración da Deputación de Ourense. O alcalde, Jesús Vázquez, a concelleira Belén Iglesias e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, presentaron unha nova edición do programa, que inclúe dúas citas con obras literarias e coas súas autoras. A primeira, a tertulia en castelán, desenvolverase esta semana, de martes a xoves no Liceo, dedicada á obra “Mejor la ausencia”. A autora, Edurne Portela manterá un encontro cos escolares o xoves. No mes de abril será a segunda tertulia, sobre a obra “Deixe a súa mensaxe despois do sinal” de Alba Portabales.
Entre os 2 faladoiros, participarán nesta actividade 425 alumnos e alumnas e 43 docentes, unha cifra que refrenda un incremento do 50% no número de participantes en 4 anos, “proba da consolidación desta actividade, na que cremos decididamente e pola que reiteramos a nosa aposta máis decidida”, asegurou o alcalde. Jesús Vázquez incidiu no papel protagonista que o Concello outorga ao fomento da lectura como “eixo básico da nosa programación de actividades educativas, con programas como a campaña de animación á lectura e as actividades que cada día se realizan na rede de bibliotecas municipais.
“No caso das tertulias literarias -explicou- están dirixidas a escolares de ESO e Bacharelato e os convidan a profundizar nas obras, a ir máis aló da mera lectura, a compartir experiencias e reflexións, a dialogar, coincidir e discrepar, cultivando esa fermosa experiencia que é compartir os froitos dunha boa lectura. Ademais, neste caso, co valor engadido de ter a oportunidade de coñecer persoalmente e interactuar coas propias persoas que as escriben”, dixo.
De martes a xoves será protagonista da tertulia “Mejor la ausencia”, escrita por Edurne Portela, que obtivo o Premio do Gremio de libreiros de Madrid á mellor obra de ficción. Editada por Galaxia Gutenberg, a crítica a define como unha das novelas españolas do ano pola súa lucidez e honestidade. Nestas tres sesións participarán 239 escolares e 26 docentes.
En abril, a tertulia en galego será sobre o libro “Deixe a súa mensaxe despois do sinal” de Alba Portabales. Unha obra que a crítica define como orixinal e deslumbrante, acerca dun grupo de voces que deixan mensaxes nun contestador.